Cervo, 15 de xuño de 2016.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) propón que as empresas madeireiras se encarguen de manter en bo estado os camiños públicos polos que fagan o transporte. Así se acordou este mércores nunha reunión mantida en Santiago pola comisión executiva da FEGAMP, da que é vicepresidente primeiro o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.
Villares salienta que foi “unha reunión na que, como en todas elas, sempre se propoñen asuntos que son de importancia para o municipalismo galego. En concreto hoxe algúns dos temas tamén son de interese para A Mariña de Lugo, como por exemplo a problemática que ven da corta e saca da madeira. É unha problemática que non se circunscribe unicamente ao noso territorio da Mariña senón que afecta a máis zonas da comunidade autónoma galega”.
Alfonso Villares engadiu que “hoxe falamos, como estas semanas pasadas, deste asunto para anunciar próximas reunións que imos ter co cluster da madeira para intentar ter desde todo o municipalismo unha proposta común á hora de abordar este asunto”.
O rexedor de Cervo manifestou tamén que “de entrada unha das propostas que se puxo enriba da mesa foi que as empresas madeireiras teñan que pagar unha taxa previa á extracción da madeira, e despois unha ordenanza que vele para que os madeiristas despois da corta deixen eses camiños e lugares públicos por onde circulan e extraen a madeira en perfecto estado”.
Alfonso Villares salienta que “foi unha das cuestións que se abordaron e durante estas próximas semanas intentaremos traballar e ver cal é a proposta definitiva”.
O alcalde cervense engade que tamén acordaron “intentar facer un protocolo de actuación para cando haxa calquera problema ou catástrofe, tipo temporais ou incendios, no que esteamos involucradas todas as administracións: a local, a autonómica e a estatal”.
Finalmente Alfonso Villares manifestou que acordaron ademais que “os centros de saúde nos que corre a cargo o mantemento dos distintos Concellos que os asuma a Consellería. É unha negociación na que levamos un tempo traballando e que queremos que nestas próximas semanas chegar a un acordo para que a Xunta asuma algún centro de saúde máis para ocuparse do seu mantemento”.