Burela, 13 de xuño de 2016.- No resumo do Programa electoral do 2015 do PSdG-PSOE de Burela, como punto número 1 figuraba: “Transparencia na xestión municipal, honradez e apertura de canles de participación …” CxG denuncia que estamos diante de unha nova mentira de Alfredo Llano e o seu equipo de goberno, coa necesaria colaboración da dirección local do PSOE.
O dereito a participación de colectivos e cidadáns na xestión da administración está no noso estado recollido nun abundante marco legal, por sinalar: Constitución Española, Estatuto de Autonomía de Galicia, Lei de Bases de réxime Local, Lei Orgánica 4/2001, de 12 de novembro, reguladora do Dereito de Petición, Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública, bo goberno ademáis de xurisprudencia de distintos estamentos xurídicos.
CxG Burela leva presentados en tempo e forma legal 17 escritos: solicitando actuacións, solicitando información, comunicando posibles situacións de irregularidade, recurrindo os orzamentos… calquera pode acceder a eles (deberíase), son públicos posto que están rexistrados de forma legal no Concello. Soamente por parte do goberno do PSOE se nos contestou unha vez.
Diante do que consideramos unha vulneración dos nosos dereitos como partido e como veciños, vimos de presentar unha queixa formal diante da oficina do VALEDOR DO POBO, solicitando o seu amparo diante dun atropelo sistemático das formas democráticas. Denunciamos tamén públicamente o escaso cumprimento da atención ó portal de transparencia do Concello, que nunca está actualizado.
Sorpréndenos neste sentido a actitude do Alcalde, que prometia participación e transparencia, na campaña, e con nós non a cumpre.
Esperamos que a Valedora do Pobo lle faga reconsiderar a súa postura, máis propia de caciques de outra época.
Na actual situación política sorprende un rexedor que oculta información, non acepta suxestións e non fomenta a participación, cando dende a Deputación se vendía con orgullo cos orzamentos participativos.