Foz, 23 de xuño de 2016. Dous escolares focenses resultaron premiados na fase provincial do certame das Letras Galegas 2016, no que participa a biblioteca pública municipal de Foz.
Os galardoados son Nuria Azevedo Fraga, do CEIP Nº 1, na categoría B de Debuxo; e Manuel Martínez Longarela, do colexio Martínez Otero, na categoría B de Narración.
A entrega de premios será o vindeiro mércores, día 29 de xuño, ás 18:00 horas na Biblioteca Nodal de Lugo, situada na rúa Ramón Ferreiro.
A concelleira de Cultura focense, Silvia Blach, dá os parabéns aos premiados, “polo seu esforzo e bo traballo”, e anima “aos rapaces a seguir participando neste tipo de concursos que motivan a creación artística e literaria así como aos colexios que ano a ano concursan neste clásico da biblioteca pública”.