Mondoñedo 9 de xuño de 2016.- A praza da Catedral de Mondoñedo acollerá este venres ata o mediodía a visita do autobús itinerante iFala que difunde o legado das Irmandades da Fala a través das distintas cidades galegas.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, convida a todos os veciños e veciñas, así como aos nenos e nenas dos IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro a achegarse ao autobús onde poderán visitar unha exposición sobre o centenario dese movemento cultural tan importante para Galicia. Ademais, desenvolveranse diversas actividades conmemorativas ao aire libre.
A exposición itinerante iFala, da que forma parte o Concello de Mondoñedo, foi creada polo comité promotor ORA GALEGA fai máis dun ano. Comezou na Coruña unha xira por todas as cidades e vilas onde houbo unha Irmandade da Fala cun autobús que leva unha exposición que explica a historia e o pensamento das xentes deste movemento cultural e político.
100 anos de historia
No ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político de Galicia. A comezos dese ano lanzábase a idea de constituír unha asociación cuxo primeiro nome, suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte, respondía á denominación de Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois, o 18 de maio, na Real Academia Galega, fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala que en moi pouco tempo pasou a coñecerse como as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, construírse como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.