Lourenzá, 1 de xuño de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Lourenzá pídelle á rexedora que desconte do seu soldo os 400 euros de dedicación parcial que percibirá o concelleiro Obras, Urbanismo, Infraestruturas e Tráfico, posto que esta decisión encarece un Goberno “que lle está saíndo moi caro aos veciños e veciñas”.
A voceira do Grupo Municipal do PP, Emma Álvarez, defende que o concelleiro cobre por desenvolver o seu traballo, pero négase a que o importe que recibirá sexa a maiores do que cobra a alcaldesa, “posto que non está a facer nada no Concello e ademais incumpre cos compromisos do seu programa no que figuraba que eliminarían a figura do tenente alcalde e que só habería unha dedicación exclusiva”.
Así, o Grupo Municipal do PP esíxelle á alcaldesa que, para contar co seu apoio, renuncie a parte da súa dedicación para darlla ao concelleiro de Obras, cumprindo deste xeito co seu programa electoral.
Os populares consideran que o salario que percibirá o concelleiro debera ir a cargo do soldo da alcaldesa, o que non encarecería aínda máis a remuneración que os veciños e veciñas teñen que soportar para un Goberno “que nada fai por Lourenzá”. “A súa xestión sáelle moi cara aos veciños e veciñas de Lourenzá”.
O PP repróchalle ao Goberno local terse instalado no “queda ben”, dicirlle a todos que si e non facer nada, ningunha decisión nun ano de goberno. “Do único que pode presumir, precisan, é das obras que este equipo lle deixou xestionadas”. Segundo a voceira popular non conseguiu ningún investimento para o Concello, pese a presumir da súa amizade co presidente da Deputación.
A voceira popular defende que, durante o seu primeiro ano no Goberno municipal -en 2013-, a ratio de investimento por habitante do Concello foi de 150 euros “por enriba de administracións locais próximas con presupostos maiores”. “E iso sen contar obras contratadas e executadas pola Xunta, que non computan nesta ratio, como o arranxo da Avenida de Soutelo, ou o ascensor do colexio ou a pavimentación da Rúa Fernández del Riego.
Por todo o anterior, os populares explican que a rexedora o único que está a lograr “é afundir a Lourenzá, posto que non conseguiu ningún proxecto nin ningún investimento nun ano para o noso Concello”. Despois do seu voto en contra á proposta do equipo de Goberno, os populares piden que se informe de cal vai ser o horario de atención aos veciños e veciñas do segundo tenente de alcalde.