12 de xuño de 2016.- As campioas laranxas viviron un intenso espectáculo na final da XXII Copa de España Alcorcón fronte ao Atlético de Madrid Navalcarnero, esgotando todas as súas opcións na rolda de penaltis tras un 4-4 en tempo regulamentario.
O Burela FS Pescados Rubén alzou o trofeo de subcampeón copero, demostrando sobradamente a súa condición de campión de Supercopa de España e Liga 2015-16. Soubo remontar o 0-1 en contra e chegar ao descanso con vantaxe, 2-3; aínda que no segundo período ampliou ata 2-4, non puido facer nada ante a eficacia madrileña, que se recuperou en tan só dous minutos, con 4-4, e obrigou á prórroga e aos fatídicos penaltis, con María del Val como verdugo ante as tres opcións das mariñás.
O pavillón de Los Cantos viviu unha final copera con moita tensión e igualdade. Peque, de estratexia, e Ari, nun disparo afastado, intentaron sorprender desde ambas as filas antes de cumprirse o minuto 5. Foron as madrileñas as que tomaron a iniciativa no luminoso, no 8, cun lanzamento de Marta Pelegrín a pase de Desi; as galegas reaccionaron con dobre axexo acto seguido, freadas pola defensa rival, pero a xenialidade de Dany conseguiu desarmar as de Andrés Sanz pouco despois para recuperar o equilibrio goleador (minuto 9). Tocoulles ás pupilas de Iván Cao, Lucas, aplicarse en defensa superado o ecuador da primeira parte; no minuto 13, Ari intentouno de disparo cruzado e no 14 foi Ju Delgado cun chut que desbaratou Jozi co pé. Foi entón cando a meta laranxa, exhibiu a súa solvencia cun lanzamento que sorprendeu a María del Val adiantada para tomar vantaxe, 1-2, que Dany transformou no 1-3, tan só dous minutos despois, con mísil pola escuadra. Na recta final Peque puido ampliar a renda de falta pero foise desviada; entón chegou o momento de Ari, con despexe de Jozi en primeira instancia, pero no último suspiro a gardameta burelista nada puido facer ante un potente disparo da 5 madrileña desde a banda dereita.
Con 2-3 para o Pescados Rubén, o segundo acto deu o pistoletazo de saída asegurando dose extra de intensidade, emoción e espectáculo. Os compases iniciais repetíronse con alternancia de ocasións, polas mariñás Dany para Peque que acabou en María del Val (minuto 22) e polas madrileñas Ju Delgado nun disparo demasiado alto (minuto 23). Comezaron entón os minutos de demostrar a solidez infranqueable da defensa laranxa; Jozi desartellou a Ari e Marta Pelegrín. Regresou a oportunidade do Burela FS, de novo nas zapatillas da inspiradísima Dany, que asinou o seu hattrick da cita, a pase de Bea Mateos (minuto 26). As de Lucas mantiveron intacto o electrónico ata a medianía da segunda parte, que reduciu Leti con 3-4 a pase de Amelia tras recuperación e igualou Desi ao aproveitar un rexeite da porteira mariñá. Máis emoción para a gran xesta pola que estaba pelexando o campión de Supercopa de España e Liga 2015-16 en busca do soñado triplete. Jozi volveu erixirse como protagonista no minuto 33 cun man a man fronte a Leti. O Burela FS tivo a final en contraataque a falta de tres minutos para o final, salvando Ari baixo paus, e nos últimos compases, con disparo afastado de Peque, pero tivo que recorrer á prórroga. Seis minutos máis sobre a pista non moveron o electrónico con dúas escuadras cautas nos seus movementos. Nos penaltis as tentativas laranxas de Gaby, Dany e Peque topáronse con María del Val; en fronte Leti deulles o título ás madrileñas.
Ficha técnica
Atlético de Madrid Navalcarnero: María del Val, Ariane, Leti, Ju Delgado, Amelia, cinco inicial; tamén xogaron Desi, Marta, María Sanz
CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dany, Peque, Gaby, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Maite, Ceci
Goles: 1-0, minuto 8, Marta Pelegrín; 1-1, minuto 9, Dany; 1-2, minuto 14, Jozi; 1-3, minuto 16, Dany; 2-3, minuto 19, Ari; 2-4, minuto 26, Dany; 3-4, minuto 30, Leti; 4-4, minuto 31, Desi. Penaltis: Gaby (fallo); Leti, 5-4; Dany (fallo); Desi (fallo); Peque (fallo)
Árbitros: Fernando Gutiérrez Lumbreras e Alberto Lope Díaz, do colexio madrileño. Por Navalcarnero amarela a Desi (minuto 12), Ju Delgado (minuto 21). Por Burela amarela Peque (minuto 6), Dany (minuto 21), Bea Mateos (minuto 29)
Incidencias: Partido correspondente á final da XXII Copa de España de Alcorcón disputado no pavillón Los Cantos de Alcorcón, con emisión en diferido de Teledeporte





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
