Burela, 9 de xuño de 2016.- Burela está a celebrar esta semana con diversas actividades o Día Mundial dos Océanos. Este xoves os usuarios da Fundación Eu Son limparon a praia do Cabaliño e este venres será a quenda para os usuarios de Camiña.
Desde a Concellería de Medio Ambiente lembran que “o Día Mundial dos Océanos é unha efeméride que se celebra no mes de xuño coa limpeza de praias. Promove a recollida de lixo e refugallo sólido dos areais e a identificación das fontes destes residuos, para contribuír á modificación de hábitos e comportamentos que producen a contaminación destes espazos. A actividade consiste en retirar o lixo dos areais, o cal á súa vez xera conciencia deste crecente problema. Cabe destacar, que se comprobou mediante estudos científicos, que o lixo pode xerar serios danos na fauna mariña (por exemplo obstrucións intestinais pola inxesta accidental de plástico), polo que iniciativas deste tipo constitúen unha importante achega para mellorar a saúde dos nosos océanos”.
E engaden que “ano tras ano a Delegación de Medio Ambiente, que dirixe Noelia Mª Ben, organiza varias limpezas de praias e zonas costeiras nas que participan alumnado e usuarios de asociacións; o que demostra que existe un crecente interese por parte da nosa comunidade en participar na preservación do noso mar. Onte realizamos 2 limpezas simultáneas (na praia do Perdouro co alumnado de 4º de ESO do IES Perdouro e na praia de Portelo con usuarios da Asociación A Mariña), e hoxe foi a quenda da Fundación Eu Son, que limparon a praia do Cabaliño. A maior parte do lixo recollido foi material plástico: botellas, bolsas, caixas, tapas…e restos de artes de pesca: redes, cordas, boias, sedal… (materiais que tardan centos de anos en degradarse)”.
Desde a Concellería de Medio Ambiente explican que “Coge3 participou nesta iniciativa, colaborando coas monitoras do Centro Gaia, co obxectivo de sensibilizar a todos os usuarios da praia da necesidade de conservar o medio litoral. Gadisa e Sogama colaboran con diferentes agasallos de material divulgativo”.
Este venres será a quenda dos usuarios da Asociación Camiña que limparán a Praia de Ril.