Bruxelas, 16 de xuño de 2016.- Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), instou este xoves ao Goberno do Estado español para que se opoña firmemente á intención da Comisión Europea (CE) de deixar sen regular no mercado europeo substancias que son consideradas contaminantes hormonais.
Nunha comparecencia realizada este mércores, o comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria da CE, Vytenis Andriukaitis, expuxo os criterios de definición dos disruptores endócrinos EDC que defenderá a institución europea e que supoñen, a xuízo de Lídia Senra, “acabar co principio de precaución, en liña coas esixencias de Estados Unidos e do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP)”.
Propoñen que “só se regule a súa prohibición cando exista unha elevada evidencia de danos nos seres humanos tras a súa exposición”, denunciou Lídia Senra, o que é “moi grave” porque supón que a CE pretende “unha vez máis protexer o negocio do complexo agro-químico-farmacéutico a costa de vulnerar un dereito humano fundamental como é a saúde”. A posición mantida por Lídia Senra é, ademais, tamén defendida desde o GUE/NGL, que hoxe mesmo emitiu un comunicado tamén ao respecto.
A finalidade dos criterios de definición é coñecer que substancias químicas son consideradas contaminantes hormonais e polo tanto deben eliminarse do mercado para protexer a saúde da poboación europea e do seu medio ambiente. Sen embargo, como denuncia Ecologistas en Acción, os criterios propostos pola CE requiren de tal cantidade de evidencia, que será case imposible identificar máis que unha pequena fracción dos contaminantes existentes mentres o resto seguirán danando ás persoas e ao medio. A proposta da CE que para regular un disruptor endócrino debe existir unha “elevada evidencia de danos en seres humanos tras a exposición”, a diferenza doutras substancias tóxicas, para as que é suficiente ter probas da súa toxicidade en ensaios de laboratorio ou probas en animais, implicará seguir mantendo á poboación á exposición destas substancias tóxicas durante décadas, ata que se reúnan as probas en seres humanos suficientes.
“Sorprende a súa actitude, Señor Comisario, pois vostede como médico coñece perfectamente canto sufrimento, canta dor e cantas mortes vai seguir provocando a exposición aos disruptores endócrinos e tamén coñece perfectamente os custos que isto vai supoñer para a sanidade pública e tamén coñece perfectamente que coas políticas de austeridade moitas persoas nin sequera van poder ser atendidas por falta de recursos na sanidade pública ou porque ao mellor non teñen dereito a ela. Aínda que claro está, que para vostedes será un xeito máis de pasar o diñeiro público a mans privadas, neste caso, ás farmacéuticas e multinacionais”, declarou a eurodeputada de AGEe.
Por estes motivos, Lídia Senra, insta ao Goberno do Estado español a opoñerse a tal medida pretendida pola CE na votación na que os Estados membros da UE deberán decidir sobre se apoian ou non a proposta da Comisión. Dita votación terá lugar previsiblemente nas reunións do Comité de Biocidas da UE, o 8 de xullo, e do Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos da UE, o 11 e 12 de xullo.
Máis de 70 organizacións sociais e sanitarias europeas, pertencentes á coalición Europa Libre de EDCs, está a realizar un chamamento aos Gobernos e ás parlamentarias e parlamentarios europeas/os para que rexeiten esta proposta e esixan á Comisión que adopte os criterios consensuados pola comunidade científica e apoiados pola maioría dos países europeos.
Tal e como xa denunciou AGEe nos últimos meses, os chamados alteradores hormonais, son responsables de alta incidencia nos países industrializados de enfermidades do sistema reprodutor (infertilidade, malformacións, pubertade precoz, etc.), cancro (nomeadamente de ovarios, mama, próstata ou tiroides), enfermidades neurolóxicas (déficits cognitivos ou de conducta), neuroinmunolóxicas (síndrome de fatiga crónica, fibromialxia ou escleros múltipla) e metabólicas (síndrome metabólico, obesidade, diabetes). Ditas doenzas, se ben adoitan visibilizarse na idade adulta, están significadamente vinculadas á exposición, especialmente durante o desenvolvemento embrionario e fetal, a contaminantes presentes tanto do medio ambiente (herbicidas como o glifosato, praguicidas, biocidas, fungicidas), como no aire dos fogares (disolventes, aparatos eléctricos, pinturas, lacas), auga e alimentos (tanto polos envases como polos restos de substancias químicas) ou artigos de consumo (plásticos, deterxentes, produtos cosméticos, xoguetes con textura flexible, mordedores infantís, roupa, material clínico). A día de hoxe téñense identificado máis de 1.500 substancias na UE capaces de provocar graves alteracións do sistema endócrino.
Á vista da negativa da CE a aplicar controis sobre estas sustancias que atentan contra a saúde pública, o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) sentenciou en decembro de 2015 (Asunto T-521/14), que a Comisión vulnerou o Dereito da Unión, infrinxindo o Artigo 266 do propio Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).




















Subliñou tamén a unión veciñal arredor desta cita gastronómica, que comparte protagonismo con outras festas da contorna. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, incluído nun programa que reúne artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, terá lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A primeira sesión, de 11:00 a 12:30 h, contará cun autor asturiano destacado polo seu traballo arredor do mundo rural e da cultura campesiña. A actividade é aberta, participativa e gratuíta ata completar aforo.
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.
A función está dirixida ao público adulto e a entrada será de balde, ata completar aforo. O evento conta coa colaboración do Concello. Unha nova oportunidade para gozar do teatro local e apoiar o traballo das compañías da comarca.



