Ribadeo, 13 de xullo de 2016. As instalacións de Acisa acolleron o sorteo de premios da campaña, que levou a cabo coincidindo coa celebración do terceiro Ribadeo Indiano. Todas aquelas persoas que fixeron as súas compras nos locais asociados entre o 13 de xuño e o 10 de xullo e cubriron as papeletas que lles entregaron nos comercios participaron no sorteo e como agasallo recibirán en vales de compra o gasto que efectuaron e que aparece rexistrado nese boleto.
Así Mª Dolores Díaz López, que fixo un gasto de 25 euros en Barbería Carmen, obtén vales de compra por ese importe para gastar nos locais asociados a Acisa; Margarita López Sanmartín, cunha papeleta por importe de 36 euros tamén de Barbería Carmen, obtén a mesma cantidade en vales de compra; Beatriz Álvarez resultou agraciada con 75 euros en vales de compra, gasto que realizou nas últimas semanas en Mercería Torviso; Teresa Menéndez Alonso, recibirá 69 euros en vales de compra, a mesma cantidade que se gastou en Moda Sport e Elia Fernández, foi agraciada con 60 euros en vales de compra, cantidade gastada en compras en Naná.
As afortunadas ás que as súas compras lles saíron gratis, grazas a esta campaña de Acisa, deberán recoller os seus premios o vindeiro venres, 15 de xullo, ás 20.30 horas nas instalacións da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. “É condición indispensable para facerse co premio”, sinalan desde a directiva de Acisa.
O sorteo desta campaña tivo lugar nos locais de Acisa con asistencia do presidente e o vicepresidente, David Martínez e Juan Andina. A man inocente de Sara García foi a encargada de extraer as papeletas premiadas.
Desde Acisa móstranse satisfeitos “pola acollida que tivo esta campaña. Nótase e moito o movemento económico que xera a festa indiana na nosa hostalería e no noso comercio, mostra diso son as tendas nas que efectuaron as súas compras as premiadas, temos barbería, mercería, roupa, complementos…”.