Curtis acollía este sábado 2 de xullo no campionato de Galicia de 5 km en ruta no que participaba o Club Atletismo Lourenzá.
Ás 19.30 horas daba saída a proba na que se podían ver caras moi coñecidas do atletismo galego e baixo un sol aínda asfixiante. Encabezando a proba absoluta o noso compañeiro Óscar Buján que “tirou do carro” en todo momento, sen dar nin unha substitución ata moi preto da meta que ao sprint logrou pasalo Nicolás Arroxo deixando así a Óscar como SUBCAMPIÓN GALEGO DE 5Km RUTA cun tempo de 15 min e 54 segundos. Cinco segundos menos que Rubén Caamaño Neto que ocupou o terceiro escalón do podio.
MARCOS RODRÍGUEZ, pola súa banda, conseguía un novo título galego ao lograr entrar en meta cun tempo de 17 min. 48 segundos o que lle outorgaría o terceiro posto na categoría V35 e por tanto a medalla de bronce. Compartindo podio con el estiveron Amador Pena (16 min) e Nemesio Lopez (17 min 37 segundos).
MARISA ARES acudiu tamén a este campionato galego quedando preto do podio cun cuarto posto V35.
E, por último, o noso compañeiro LUÍS GRAÑA que participaba no campionato galego e, á vez, na proba popular, outorgou ao Atletismo Lourenzá uns notables 9º e 10º posto respectivamente na súa categoría V40, polo amplo número de participantes que había.