Unha nai e a súa filla resultaron intoxicadas por inhalación de fume a pasada tarde ao declararse un incendio nun cadro eléctrico do edificio no que residen. Aconteceu en Cervo, na avenida da Mariña. O inmoble de cinco andares tivo que ser desaloxado.
Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia minutos despois das 18.30 horas do sábado 16 de xullo. Indicaba que vía saír moito fume do edificio e que había varios veciños que estaban a pedir axuda dende as fiestras. O persoal do CAE 112 Galicia alertou aos Bombeiros de Viveiro e ao GES de Cervo, que enviaron senllas dotacións ao lugar. Tamén se informou a Urxencias Médicas, Policía Local, Protección Civil e Garda Civil.
As dúas mulleres foron trasladadas a un centro sanitario por inhalación de fume. Segundo explicaron os Bombeiros ao 112 Galicia, unicamente ardeu un cadro eléctrico situado nas escaleiras da entrada do edificio. Despois de proceder á ventilación de todas as vivendas, os veciños puideron regresar ás súas casas.