O Club Atletismo Lourenzá contaba con representación nun Trail de 20 km (segundo organización) e 23,500km (segundo varios reloxos de corredores) grazas a Marcos Rodríguez e Marisa Ares.
Esta carreira que saía ás 09.00 horas, baixo un bravo sol, do centro da Fonsagrada é a cuarta proba dun circuíto de 5 ( Moaña, Galiñeiro, Courel, A Fonsagrada e Padrenda) bautizado co nome de CIRCUÍTO GALICIA MÁXICA TRAIL ADVENTURE.
Os nosos compañeiros, a pesar de non estar a preparar na actualidade este tipo de probas, desempeñaron un importante papel. Marcos alzábase coa prata ao entrar segundo en meta da xeral absoluta nun espectacular tempo de 2 h 34′ 20″, a menos de 3 minutos do gañador, o corredor do Club de Atletismo Sada de Montaña: J. Ángel Díaz Bautista que entraba en meta en 2h 31′ 53″ e cunha diferenza de 13 minutos sobre o terceiro: Manuel Currás.
Pola súa banda, Marisa Ares lograba finalizar esta durísima proba con baixadas moi técnicas, empinadas pendentes e coa particularidade de que moi contrario ao que adoita ocorrer neste tipo de carreiras, a proba empezou con 12 km de grandes baixadas para terminar con outro 12 km de potentes subidas. Chegaba á meta no posto 14 da xeral feminina e 10 sénior dun total de 21 mulleres anotadas.