O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou este venres que o Goberno inicia a execución do Orzamento de 2016 logo de que onte mesmo se publicase no Boletín Oficial da Provincia. E faino poñendo en marcha medidas coas que se consegue que as contas provincias teñan un primeiro impacto económico no conxunto do territorio lugués durante este mes de case 11 millóns de euros.
1ª medida: concesión de 128 axudas por un valor total de 1,4 millóns de euros, dirixidas a Concellos e tecido asociativo da provincia; dende colectivos veciñais, educativos ou do eido do benestar social, cultural e deportivo. Son as subvencións nominativas que inclúe o Orzamento.
Ata hoxe, a Deputación sempre anticipaba aos beneficiarios o 60% da cantidade total destas axudas e a parte restante unha vez xustificada a actividade subvencionada. Campos Conde avanzou que “tendo conta a data na que nos atopamos, así como as dificultades económicas dos Concellos e do tecido asociativo da provincia, decidimos anticipar o 80% destas axudas. Xa nos puxemos en contactos cos beneficiarios para que soliciten este anticipo. Isto suporá unha inxección económica inmediata na provincia de máis de 1.100.000 euros”.
2ª medida: posta en marcha das obras municipais de 4,9 millóns de euros do POS. O Presidente indicou que “tamén nos puxemos en contacto cos municipios para que ao longo destas semana entreguen a memoria dos proxectos que queren levar a cabo. Deste xeito, poderemos aprobar a listaxe de obras deste plan no Pleno de xullo para a súa posterior e inmediata execución”.
3ª medida: concesión das axudas do SAF por valor de 1,5 millóns de euros. “Sempre que os servizos técnicos poidan facelo, a nosa previsión é aprobar as bases das Axudas ao Fogar, dirixidas a todos os Concellos, na Xunta de Goberno do vindeiro venres”, recalcou o Presidente.
4ª medida: posta en marcha dun plan de emprego para todos os Concellos de menos de 20.000 habitantes por valor de 3 millóns de euros. “Tamén neste caso, sempre que os servizos técnicos provincias poidan facelo, aprobaremos as bases desta programación de emprego este mesmo mes en Xunta de Goberno”, indicou.
“En definitiva, xunto coas axudas de 1,4 millóns de euros, as obras municipais do POS de 4,9 millóns, o SAF de 1,5 millóns de euros e o plan de emprego para os Concellos de 3 millóns de euros, pretendemos que, nas vindeiras semanas, o orzamento da Deputación para 2016 teña un primeiro impacto económico na provincia de case 11 millóns de euros”, concluíu.
Reorganización das áreas de Goberno
O Presidente presentou a reorganización das áreas de Goberno, quedando así:
– A Área de Vicepresidencia asumirá Cooperación cos Concellos, Emprego, Benestar e Igualdade. Estará á fronte deste novo departamento Álvaro Santos Ramos. O tamén voceiro do grupo provincial socialista xa estivo á fronte de Cooperación cos Concellos no pasado mandato, poñendo en marcha iniciativas pioneiras nunha Deputación galega, e dirixidas a todos os municipios da provincia, como o plan de axudas para a recuperación de terras abandonadas e mellora de traídas de auga, viñedos, plantacións hortícolas e embarcacións de baixura.
Santos Ramos coñece, perfectamente, o funcionamento deste departamento, dende o que a Deputación tamén presta asistencia aos Concellos en materia xurídica, urbanística, económica, administrativa ou medioambiental, entre outras. Nun ano, atende unhas 2.500 consultas dos Concellos, aforrando custos ás arcas municipais.
“No actual mandato, Álvaro xa era o responsable de Emprego e Benestar, departamentos, sen dúbida, ligados á máxima cooperación cos Concellos. Pois o impulso do emprego e dos servizos sociais son prioridades dos veciños dos 67 municipios da provincia”, destacou Campos Conde.
– Área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes; outro novo departamento, do que estará á fronte Pablo Rivera Capón. “Pablo fixo un excelente traballo no pasado mandato como responsable de Novas Tecnoloxías, liderando proxectos como o Centro de Innovación Social InLugo, o portal de transparencia ou a implantación da banda longa e da administración electrónica na propia Deputación e nos Concellos. Con tan só 32 anos, exerceu a docencia como profesor da UNED, tendo unha importante vinculación e entendemento coas persoas máis novas, tamén, evidentemente, por cuestión xeracionais, por ser unha delas. Ademais, é un grande aficionado ao mundo deportivo, e seguidor de equipos lucenses. Estou convencido que saberá responder ás necesidades deste sector, tal e como ten demostrado noutros ámbitos”.
– A Área de Cultura, Deseño e Artesanía será responsabilidade de Pilar García Porto. “Durante o pasado mandato e ata o momento, Pilar fixo un excelente traballo dende a área de Economía, responsabilizándose da creación dos presupostos participativos de 2015, que foron os primeiros dunha Deputación en España; ou de reducir a débeda desta administración ata os cero euros, sendo hoxe un dos poucos organismos provinciais de todo o país que se atopa en esta situación, sen cargas financeiras. Hai motivos suficientes para confiar o departamento de Cultura e a Rede Museística, que por primeira vez dirixe o Partido Socialista na Deputación de Lugo; ademais do Centro de Artesanía e Deseño, na nosa compañeira de Antas de Ulla; defensora do rural, das tradicións, da cultura e da lingua”.
– A Área de Economía, Recadación e Facenda estará ao cargo de Mayra García Bermúdez. García Bermúdez é diplomada en Ciencias Empresarias pola Universidade de Santiago de Compostela; profesión que desempeñou no sector privado como contable antes de iniciar a súa traxectoria na vida política. Mayra tamén é Alcadesa de Trabada. Precisamente, unha das primeiras medidas que levou a cabo neste Concello foi a posta en marcha dun plan económico financeiro para cumprir coas obrigas orzamentarias que establece a lexislación ás entidades locais. “Logrouno en tan só 6 meses, reducindo os gastos correntes, sen subir, nin un só ápice, a presión fiscal aos veciños. Hoxe Trabada cumpre coa estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto, sen que os veciños se visen afectados por estas medidas económicas. Mayra demostrou que é posible xestionar sen reducir prestacións e dereitos aos cidadáns. Polo tanto, estou plenamente convencido que vai a desempeñar unha gran labor na Deputación”.
– Área de Promoción do Territorio e Turismo, dende a que o Goberno está a elaborar un ambicioso plan de promoción turística que engloba aos 67 Concellos da provincia, seguirá baixo a responsabilidade de Eduardo Vidal Baamonde.
– Área de Xestión Territorial, na que se inclúe Vías e Obras, Parque Móbil e a Unidade de Proxectos, seguirá ao fronte de Argelio Fernández Queipo; “unha persoa moi sensibilizada coa necesidade de mellorar as comunicacións no conxunto da provincia para garantir a igualdade de oportunidades, como veciño da Montaña e Alcalde da Fonsagrada”.
– A Área de Goberno Interior continuará ao mando de Miguel Ángel Sotuela, que xa se responsabilizou deste departamento no pasado mandato, acadando, en todas as ocasións, acordos maioritarios cos representantes sindicais da Deputación.
– Área de Medio Rural e do Mar seguirá baixo a responsabilidade de Lino Rodríguez Ónega, “unha persoa que durante máis de 30 anos traballou no sector primario, que coñece, polo tanto, as súas necesidades de primeira man, e que está a facer un gran traballo na Granxa Gayoso Castro.
Neste departamento (Medio Rural e do Mar), hai unha subdelegación de área, que é a de Medio Ambiente, e da que seguirá sendo responsable Sonsoles López Izquierdo. “Sonsoles xa se ocupou desta área no anterior mandato, conseguindo, entre outras cuestións, a renovación das declaracións de Reserva da Biosfera por parte da UNESCO para Terras do Miño e Os Ancares Lucenses; uns espazos naturais cunha extensión superior ás 400.000 hectáreas, que se distribúen en 29 Concellos, e das que é responsable a Deputación de Lugo”.




















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.



