Santiago, 13 de xullo de 2016.- O deputado do Grupo Popular Ambrosio Oróns Baña lamentou que o BNG bloquease este mércores no Parlamento a posibilidade de acadar un acordo unánime sobre a necesidade de impulsar unha reforma da lexislación electoral vixente para que os mariñeiros galegos embarcados poidan exercer o seu dereito a voto con totais garantías.
Ambrosio Oróns censurou a “intransixencia nacionalista”, tendo en conta, moi especialmente, que desde o Grupo Popular ofreciuse ao BNG a posibilidade de chegar a un acordo de consenso sobre as bases do aprobado por todas as forzas políticas no ano 2007.
IMPRECISIÓN E OPORTUNISMO NACIONALISTA
Naquel momento, o Parlamento galego demandou unha modificación da normativa electoral vixente que, ata o de agora, non se ten realizado ante as problemáticas xurdidas para atopar un sistema que garanta o segredo e a liberdade do dereito ao voto dos mariñeiros.
Ambrosio Oróns censurou a imprecisión dos nacionalistas que, na súa iniciativa, “foron incapaces de definir o sistema proposto para blindar o voto e exercelo con todas as garantías”. Ademais, puxo de relevo “a actitude oportunista do BNG que, curiosamente, sempre presenta esta iniciativa en período electoral, pero que non fixo nada para cambiar a lei cando estivo no Goberno”.
Oróns Baña lembrou que os nacionalistas “pretenden atribuírse o papel de voceiros cando están na oposición, pero perderon todo interese sobre o voto dos mariñeiros embarcados cando tiveron na súa man influír na reforma da lei electoral”.
PPDEG E XUNTA SEGUIRÁN INSISTINDO
“Tanto durante o Goberno bipartito como durante as dúas lexislaturas socialistas en Madrid, onde o BNG era socio preferente, esta petición caeu da axenda dunha formación que tanto presume de defendelos”, manifestou Oróns, quen subliñou que “o BNG adoita a apadriñar problemas, pero escasas solución”.
Pola contra, o deputado popular aclarou que “desde o Partido Popular e o Goberno galego seguiremos defendendo a necesidade de contar cun sistema coas máximas garantías que permita que ata o último dos nosos mariñeiros, por moi lonxe que estea, poida libre e autonomamente exercer o dereito ao voto”.