Burela, 10 de agosto de 2016. A praia de O Portelo acollerá este sábado, 13 de agosto, a campaña Separemos ben, reciclaremos mellor. As actividades desenvolveranse en horario de mañá e tarde con charlas informativas, recollidas de residuos e xogos para os nen@s.
Esta campaña enmárcase nas actuacións para mellorar a concienciación ambiental da veciñanza que desenvolve a Xunta de Galicia, Sogama e Ecoembes, e conta coa colaboración do Concello burelés.
A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, explica que “para levar a cabo as actividades haberá un aula móbil que se situará na praia de O Portelo, onde dous monitores ambientais se encargarán de explicar as pautas para unha adecuada recollida selectiva de residuos. Ademais unha ecopatrulla percorrerá o areal sensibilizando aos presentes e facendo recollidas simbólicas de residuos. Tamén haberá na praia un inchable e o xogo de reciclaxe de Sogama”.
A aula móbil e o inchable permanecerán este sábado, 13 de agosto, na praia de O Portelo, en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas.