Lugo, 5 de agosto de 2016.- A voceira do PP de Lugo vén de rexistrar un escrito para solicitar que o presidente provincial convoque “na maior urxencia posible” reunión da Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) para ratificar “de forma definitiva as modificacións dos estatutos, xa aprobadas polo Consello de Administración o pasado 28 de xullo, e que permitirían a xestión das residencias da provincia”.
A popular explicou que “vémonos obrigados a rexistrar este escrito para que se axilice a convocatoria desta reunión ante á deixadez do presidente”. E engadiu que “no Consello de Administración celebrado o día 28 de xullo, pero que xa fora solicitado polo meu grupo en maio, aprobouse esta modificación estatutaria e establecéronse 20 días naturais para a celebración da reunión da Xunta Xeral”. Candia agradeceu o apoio á proposta de modificación dos estatutos do deputado non adscrito e do único deputado do BNG con representatividade no Consello e pediulle ao presidente que “non agote os prazos e non siga dilatando este bloqueo ao que ten sometida a Suplusa e á sociedade”, engadiu.
A voceira avanzou que na modificación dos estatutos, proposta polo PP, inclúense avances tan importantes como a modificación do obxecto social da Sociedade “para que esta sexa recoñecida como prestadora de servicios sociais, tales como a posta en marcha das residencias para a atención de persoas da terceira idade, que coa redacción actual non era legalmente posible”.
A popular lamentou que “a esta institución só lle interesen as residencias cando poden empregalas como arma de batalla contra a Xunta pero non lles preocupan cando teñen que adoptar decisións para poñelas en marcha”. “É imprescindible unha modificacións estatutaria de Suplusa para poder xestionar as residencias. Pois a pesar que a Sociedade nace no ano 2010, non foron quen aínda de inscribila como entidade prestadora de servizos sociais”.
“Esta modificación estatutaria proposta polo PP adáptase os estatutos á normativa de servizos sociais e permite que Suplusa xestione as residencias que están xa en marcha como a de Castroverde ou da Fonsagrada, que son as que están máis avanzadas”, engadiu Candia.
Deste xeito, na nova redacción do artigo 2 do estatutos inclúese que “a Sociedade terá como obxecto a realización de actividade ligadas ao ámbito social sempre que se trate de prestacións, programas e servizos de carácter social, entendendo este como todas as prestacións, programas e equipos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e a participación social de toda a poboación galega”.
A popular avanzou tamén que se modifican os artigos 13 e 15 referidos ao Consello de Administración para que o mesmo se adapte á proporcionalidade do pleno. “De non existir esta coincidencia entre o mandato do Consello e o do Pleno poderían xurdir situacións de discordancia política entre a Xunta Xeral e o Consello da sociedade, o que afecta gravemente á gobernanza e por tanto á eficacia administrativa”.
Os populares propoñen, ademais, que o presidente e o vicepresidente sexan elexidos polo propio consello de administración, entre os seus membros e por maioría absoluta. Engádese así no artigo 16 e 17 que “o Presidente e o Vicepresidente do Consello de Administración serán nomeados polo Consello de Administración de entre os seus membros, mediante acordo acadado mediante maioría simple do número estatutario de membros”. Ademais outórgaselle ao presidente a potestade de “adoptar cantas medidas sexan precisas para garantir o cumprimento das obrigas legais de transparencia e bo goberno”.
Co fin de garantir a obxectividade e bo funcionamento da Sociedade tamén se cambia quen ostenta a competencia para nomear xerente. “Antes podia nomealo o propio presidente e agora será o propio Consello de Administración”, precisa a popular.
Unha modificación moi necesaria
“Estamos a vivir profundas transformacións socias, que como non pode ser doutro xeito nun estado social e democrático de Dereito, teñen as súas correlacións no eido político e representativo. Este contexto de evolución e cambio non sempre se axusta ao deseño institucional, xurdindo en moitas ocasións disfuncións entre o réxime de funcionamento dalgunhas institucións e ás novas demandas e necesidades sociais”. Por este motivo, a voceira precisou que “a proposta de modificación dos estatutos de Suplusa faise necesaria para responder a esta nova realidade, á que actualmente non se está axustando”.
A popular precisou que esta proposta pretende no “só controlar o funcionamento de este organismo, senón tamén propoñer as actuacións que ten que levar a cabo”. E asegurou que o actual presidente, Darío Campos, “ten sometida a Suplusa a unha parálise preocupante polo que a Sociedade está funcionando de xeito deficiente, posto que non sabe ou no quere asumir a súa xestión”.