Burela, 2 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, espera poder contratar a un total de 12 persoas a través dunha axuda da Deputación de Lugo e do programa da Xunta de Galicia Aprol rural.
Alfredo Llano comentou que “recibimos as noticias gratas sempre referidas á mellora da empregabilidade, a favorecer o emprego no noso concello. Temos a nova que nos comunicaron recentemente desde a Deputación, que nos dan unha axuda para levar adiante o plan de emprego de 30.000 euros”.
O rexedor explicou que “imos investilos en contratar a 7 persoas para diferentes traballos. Pode ser auxiliares, oficiais de servizo, xardineiros, xente polivalente que teñamos aquí necesidade dela no propio Concello para axudar en diferentes estamentos como poden ser o auditorio, a biblioteca ou calquera outro sitio onde poidamos destinalos. O importante é que serán 7 persoas durante seis meses a tempo parcial, as que traballarán catro horas durante seis meses”.
O alcalde de Burela subliñou que “parécenos importante este convenio para poder executar un plan de emprego que realmente se note aquí no noso concello naquelas necesidades que agora mesmo temos de persoal no propio Concello para darlle utilidade e favorecer o servizo”.
Alfredo Llano engadiu que “por outro lado tamén recibimos a noticia de que o Consello da Xunta a través do programa que chaman Aprol Rural dirixido exclusivamente aos concellos de menos de 10.000 habitantes como é o noso caso, permítenos facer unha contratación como máximo de 5 traballadores, 2 xa son seguro que nolos van dar, pero nosoutros imos solicitar cinco porque é necesario ir completando algún departamento sobre todo no servizo de obras, xardinería e postos de traballo polivalentes. Estamos necesitando xente agora mesmo, uns derivados de baixas, outros de xubilacións e outros da propia necesidade do concello por acumulación de tarefas. Así que imos contratar a través do Aprol Rural 5 persoas, se nolas dan que esperemos que si”.
O alcalde de Burela dixo que “2 serían auxiliares administrativos, 1 para a Oficina de Turismo, 1 sería un conserxe e 1 xardineiro porque aí si que queremos potenciar ese departamento e colocar a Burela como di o slogan Burela Bonita, que se note acorde co que queremos facer”.