Cervo, 28 de setembro de 2016. O pavillón polideportivo da Veiga, en San Cibrao, acollerá este sábado, 1 de outubro, unha xornada dedicada ao baloncesto que inclúe un clinic e un partido que enfrontará aos equipos sénior do Club Deportivo San Ciprián e do Celtas de Foz. As actividades foron presentadas polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares; o responsable da sección de baloncesto do CD San Ciprián, Nacho Mota; e o adestrador do club Juanma López.
Nacho Mota, que tamén é o responsable deportivo da Federación Galega de Baloncesto na Mariña, destacou que para o clinic xa hai máis de 50 inscritos polo que a organización estima que finalmente haberá uns 70 participantes. Será impartido por: Yago Casal, que actualmente adestra no Celta de baloncesto feminino e foi adestrador axudante no Obradoiro CAB, na Liga ACB, director deportivo da Federación Galega de Baloncesto e adestrador do Xuven Cambados en LEB Plata; Carlos Maceiras, que adestrador superior desde 1992, profesor da escola de adestradores da Federación Galega de Baloncesto, dirixiu a varios equipos desde categorías de base ata Liga EBA e foi seleccionador galego en diferentes categorías; e Fernando Buendía, que actualmente adestra ao Maristas da Coruña feminino en Primeira Nacional e foi responsable da canteira do Leyma Basket Coruña, seleccionador galego en varias categorías e profesor da escola de adestradores da Federación Galega de Baloncesto.
O clinic, que empezará ás dez da mañá e rematará ás cinco e media da tarde, está organizado polo CD San Ciprián coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e do Concello de Cervo. Ás seis da tarde terá lugar a presentación dos equipos de baloncesto de diferentes categorías que ten o CD San Ciprián e ás 19 horas empezará o partido que enfrontará aos equipos sénior do club local e do Celtas de Foz no II Trofeo Concello de Cervo. E a xornada rematará cunha festa na que haberá bolos preñados e empanada a prezos populares, viño de balde e música a cargo de DJ Caixa.
Sobre estas actividades o alcalde de Cervo comentou que “este próximo sábado no noso concello, en concreto en San Cibrao, vai ter lugar un día completo de actividade deportiva dedicada ao baloncesto. Vai empezar ás dez da mañá co primeiro Clinic San Ciprián, que organiza o Club Deportivo San Ciprián na súa sección de baloncesto. Un clinic onde vai haber tres adestradores de renome na nosa comunidade e que vai rematar ás cinco e media da tarde. Ás seis da tarde vai ter lugar a presentación dos distintos equipos que este ano van competir no noso concello, en concreto no Club Deportivo San Ciprián, en baloncesto e ás sete da tarde celebrarase o segundo Trofeo Concello de Cervo que van disputar os equipos sénior de San Ciprián e do Celtas de Foz”.
Alfonso Villares destacou “o traballo que está a facer o Club Deportivo San Ciprián, en concreto as persoas que están nesta sección de baloncesto ao igual que as que están nas outras seccións; un traballo altruísta que ás veces é moi pouco recoñecido, pero que é un traballo importante para que deportes minoritarios como é o baloncesto poidan ter cabida na nosa sociedade. Ademais o baloncesto é un deporte que durante os anos 80 e 90, ao igual que o balonmán, tivo moita presenza en San Ciprián; foron moitos os rapaces que durante eses anos xogaron a estes dous deportes no noso concello. Por iso intentar que o baloncesto volva ter cabida no noso concello dentro das actividades deportivas que se lle presenten aos nosos mozos eu creo que é un factor importante a destacar e que quero agradecerlles a estas persoas que dun xeito altruísta están no Club Deportivo San Ciprián levando adiante este traballo”.
O rexedor municipal rematou anunciando que “desde o Concello de Cervo imos seguir apoiando a este club deportivo e a todas as persoas que teñan esta actitude de deixar parte do seu tempo libre para intentar levar adiante que os nosos rapaces practiquen deporte; e así o faremos coas nosas instalacións, que son múltiples, e tamén a través das distintas axudas, ben sexan económicas ou de persoal, que necesiten. Facémolo porque consideramos desde o Concello de Cervo que é básico que o deporte teña cabida na nosa sociedade, fundamentalmente nos máis novos pero tamén nos que non somos tan novos. Por iso desde o Concello de Cervo seguiremos apoiando a todas as entidades deportivas á hora de levar adiante as súas iniciativas”.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
