Lugo, 5 de setembro de 2016.- O cabeza de lista dos populares lucenses, Francisco Conde, destacou esta mañá que o proxecto que lidera o PPdeG en apoio dos empresarios, autónomos e emprendedores lucenses consolidará a creación de novos postos de traballo na provincia. Conde participou nun almorzo informativo organizado para este colectivo e no que tamén tivo oportunidade para coñecer máis de preto as necesidades e retos do tecido empresarial.
Francisco Conde explicou que traballarán para fortalecer os apoios no ámbito da innovación e do emprendemento e nos sectores máis dinámicos da comarca como poden ser o forestal, o agroalimentario ou o aeronáutico, este último a través de iniciativas como o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que pivota ao redor do aeródromo de Rozas.
Entre outras cuestións e como resposta ás preguntas formuladas polos asistentes Francisco Conde asegurou que seguirán traballando para eliminar trabas burocráticas e simplificar os trámites aos que teñen que facer fronte os profesionais no exercicio da súa actividade e lembrou que a Xunta puxo en marcha a Oficina Doing Business. Esta oficina é unha canle directa con cidadáns e empresas co obxectivo de axudar a suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos, facilitando a creación de empresas e os seus investimentos na comunidade autónoma mediante a redución das cargas administrativas.
En relación co programa, Francisco Conde destacou que o PP buscará consolidar a creación de emprego indefinido na comunidade, e como grandes motores da creación de emprego apostará polos sectores estratéxicos e emerxentes, ademais de por un apoio integral aos autónomos.
Neste senso, resaltou que o Partido Popular ten incluído no seu programa a posta en marcha dunha Estratexia do Emprego Autónomo, apoiando a creación e o mantemento de negocios, incentivando que contraten a persoas traballadoras, apoiando a conciliación laboral cunha tarifa cero en caso de maternidade e paternidade, activando programas de formación e capacitación gratuítos, facilitar o relevo xeracional e impulsar as formas de comercialización online, entre outras medidas.
Ademais do número un da candidatura popular ao Parlamento de Galicia o acto contou coa intervención da presidenta dos populares lucenses, Elena Candia.