Lugo, 12 de setembro de 2016.- A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro participou este luns no inicio do novo curso escolar para os alumnos de educación infantil, primaria e especial. Barreiro compartiu este primeiro día de clase cos pequenos e docentes do C.P.I Ramón Piñeiro de Láncara, onde, acompañada polo alcalde da localidade, Darío Piñeiro, puido constatar in situ, que o inicio do curso se produciu con normalidade. Unha normalidade que se fai extensible aos 104 centros que imparten estes ciclos na provincia de Lugo e que contan para este curso 2016/2017 cun total de 20.282 alumnos.
No que atinxe á Comarca da Mariña hoxe volveron ás clases 4657 alumnos. Por ciclos, hai matriculados en educación infantil un total de 1463 alumnos, mentres que 3194 son os que cursarán primaria. Son datos provisionais, xa que cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando al longo do curso escolar.
Doutra banda, co inicio do curso escolar tamén comezaron a funcionar os servizos complementarios de transporte e comedor que xestiona a Consellería de Cultura e Educación.