Burela acolle o sábado, 15 de outubro, os 21 Xogos Autonómicos de Fútbol Sala Trofeo Carlos Outeiriño, que organiza Special Olympics e nos que competirán 250 deportistas de 17 asociacións, chegados desde diferentes puntos de Galicia. Estarán acompañados por mais de 50 adestradores. A cita disputarase nos pavillóns dos institutos e do Vista Alegre, en Burela, e tamén nos pavillóns de San Ciprián e de Cangas de Foz.
Nos 21 Xogos Autonómicos de Fútbol Sala Trofeo Carlos Outeiriño participará a Fundación Eu Son, de Burela. A inauguración do evento será ás 10:45 horas no pavillón Vista Alegre. “Alí haberá un desfile con todas as asociacións, similar aos que se fan nos xogos olímpicos. Animo á xente a que se achegue este sábado a ver a estes deportistas”, dixo o alcalde burelés, Alfredo Llano. No acto de presentación, que tivo lugar este xoves no salón de plenos do Concello estiveron os edís de Deportes e Servizos Sociais, así como representantes de Special Olympics e de Fademga.