A REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN, publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA, acaba de sacar á rúa o seu número 65, que está centrado na situación da lingua na etapa da Educación Infantil, nun intento de comprobar cal é a situación do galego nesta chanzo fundamental da formación dos individuos e, paralelamente, de verificar se o pretendido equilibrio entre os dous idiomas que se falan en Galicia é real ou non.
O número conta, fundamentalmente, con tres tipos de colaboracións:
1. Reflexións teóricas sobre a aprendizaxe das linguas, sobre a importancia da Educación Infantil nese proceso e sobre a transcendencia da utilización das linguas desfavorecidas, en situacións de contacto, no primeiro momento da escolarización dos individuos. Inclúe, neste sentido, artigos da autoría de investigadores como Brauli Montoya, Irene López-Goñi, Miguel Vázquez Freire…
2. Traballos de análise da situación real das linguas na Educación Infantil en Galicia, a teor das últimas investigacións realizadas e da experiencia de profesionais esparexidos por todo o país. Autores como Xaquín Loredo, Marcos Maceiras… sintetizan diferentes datos obtidos en traballos de campo ao longo dos últimos anos, pero neste sentido é especialmente relevante a síntese que o número realiza das contribucións, a pé de obra, de practicamente un cento de informantes que desenvolven o seu traballo noutros tantos centros educativos galegos.
3. Un importante banco de experiencias para procurar ferramentas que permitan a aprendizaxe das linguas. Son estas experiencias, fundamentalmente, de dous tipos. Por unha parte, proxectos consolidados e, algún deles, xa rematado, como é o caso do proxecto Avoaescola de Ferrolterra, da campaña Chámame fálame do Concello de Santiago… E por outra, proxectos en marcha ou, directamente, ferramentas de aula; é este o caso do proxecto Apego, da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua, das estratexias de creación audiovisual do CEIP da Lama, do vocabulario infantil ilustrado da Mesa pola Normalización Lingüística…
En síntese, o número acaba constatando unha situación preocupante en extremo da lingua galega na Educación Infantil, constatación por outra banda xa realizada desde outros colectivos e institucións. Paralelamente, evidencia tamén o número a existencia dunha vontade enorme por parte dos profesionais da educación de Galicia por reverter unha situación que, inevitablemente, vai levar á desaparición definitiva do galego das aulas. Esta evidencia só pode levar a unha conclusión tamén evidente de por si: estes profesionais precisan do apoio inequívoco –a nivel de medios prácticos, pero tamén a nivel lexislativo– dos poderes públicos de Galicia.
O número pode adquirirse en calquera librería de Galicia solicitando a reserva, ou realizando a petición directamente a Nova Escola Galega (neg@neg.gal).