Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2016. A institución do Valedor do Pobo inicia a segunda fase do seu programa de visitas aos concellos o próximo 3 de novembro en Viveiro. O programa incluirá unha recepción na Casa do Concello por parte da Alcaldía e un encontro da valedora coa cidadanía no que esta lle poderá achegar de xeito presencial as súas queixas.
Milagros Otero Parga estrea deste xeito a segunda fase do programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución hai un ano. Na primeira etapa, a valedora desprazouse a Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. Tras o éxito acadado nestas localidades cursou a súa invitación a outros municipios da nosa comunidade.
Moitas das queixas presentadas de xeito presencial polas persoas nestes encontros atoparon solucións para os reclamantes dun xeito áxil e satisfactorio.
Este xoves 3 de novembro, Milagros Otero Parga manterá un encontro institucional ás 12.00 horas coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. A xuntanza coa cidadanía celebrarase en horario de 16:00 a 18:30 na sala multiusos do propio Concello. A actividade permitirá aos interesados expor de xeito directo as súas queixas á valedora e poder analizar con ela as actuais políticas públicas tanto no eido municipal, como autonómico ou estatal.
A valedora quere convidar á cidadanía de Viveiro a acudir a esta cita. A participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Desde a institución xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da localidade, representantes veciñais, culturais e sociais pero a idea é que calquera persoa que o desexe poida asistir.
Viveiro é a quinta cidade que a valedora visita no marco do programa de achegamento que promove o Valedor do Pobo e que, nesta segunda fase, ademais de Viveiro, a levará a O Barco, Monforte, Oleiros ou Carballo, que xa confirmaron a súa disposición.