Cervo, 4 de outubro de 2016.-Alfonso Villares presidiu este martes en Madrid unha xuntanza da comisión de medio ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) na que se acordou celebrar unha xornada sobre entidades locais e economía circular que terá lugar en Sevilla no vindeiro mes de xaneiro.
O alcalde cervense anunciou que “nesta reunión abordáronse distintos asuntos e un deles a destacar foi a proposta feita polo alcalde de Sevilla para que a súa cidade sexa sede dunha xornada sobre entidades locais e economía circular que imos realizar na FEMP. Eu creo que o importante é que estes temas non queden unicamente no coñecemento das persoas que nos dedicamos á xestión pública senón que hai que trasladarllo á cidadanía; e así o estamos facendo”.
O rexedor municipal explicou que “desde a Comisión Europea están preparando un importante paquete de medidas lexislativas para este período que vai desde o ano 2016 ao 2019 que van ter unha grande importancia para as entidades locais españolas nos próximos anos. Sobre todo porque esta normativa vai afectar dun xeito moi substancial a unha das actividades básicas que realizamos os concellos españois como é a recollida de residuos domésticos, o tratamento deles e a súa posta en valor”.
Alfonso Villares considera que “son medidas moi ambiciosas porque se pretende cambiar o paradigma do que é a recollida de lixo e converter que os residuos sexan uns recursos materiais. Dentro do estudo en cifras que fai Europa para o ano 2030 hai un obxectivo de depositar unicamente en vertedoiro o 10 por cento dos residuos que xeramos e incluso doutra porcentaxe intentar reciclar o 65 por cento. As administracións locais, que agora mesmo somos coñecedoras delas, temos que facer o posible para transmitirllo á cidadanía e intentar conseguir estes obxectivos”.
O alcalde de Cervo rematou comentando que “nesas xornadas que se van celebrar en Sevilla no vindeiro mes de xaneiro é onde imos establecer esa folla de ruta que imos ter que adoptar todos os goberno locais españois nos próximos anos, unha folla de ruta onde o máis importante de todo é que todos os cidadáns nos concienciemos en preservar o medio ambiente e que para iso todos temos que participar á hora de que iso sexa posible”.