Burela, 21 de outubro de 2016. As praias de A Marosa, Portelo e Ril acaban de recibir a certificación ISO 14.001, segundo ven de anunciar a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben.
A edil socialista sinala que “este sistema de xestión ambiental implica a mellora continua ou a prevención da contaminación e esixe que as praias teñan unha serie de servizos para os usuarios que serán moi beneficiosos para atraer máis turismo ao noso concello”.
Noelia Mª Ben engade que “esta certificación dálle un valor engadido aos nosos areais, que xa contan con outra distinción como é a bandeira azul”.
A concelleira de Medio Ambiente lembra que “as praias burelesas xa contaron con esta certificación na anterior etapa de Alfredo Llano e o seu equipo á fronte do Concello. Despois perdeuse e agora recuperámola. Era un compromiso electoral noso. O anterior equipo de goberno renunciou a este distintivo, xa que nin cría na calidade das nosas praias nin noso potencial turístico”.
Noelia Mª Ben engade que “desde o equipo de goberno estamos moi preocupados polo noso entorno natural, polas nosas praias, a nosa paisaxe, os nosos recursos naturais… estamos moi preocupados por conservalos no mellor estado posible porque ese será o legado máis importante que lles deixemos aos nosos fillos/as. Estamos moi contentos con esta certificación, que se poderá ver nos nosos areais durante a vindeira tempada estival”.