Equipo de goberno do Concello de Lourenzá.- Un ano máis a faba de Lourenzá foi a protagonista gastronómica da Mariña Lucense. Este ano, grazas ao traballo e colaboración de moita xente, foi unha das mellores edicións que se recordan, tanto polo número de visitantes como pola repercusión que tivo, aparecendo nos distintos medios de comunicación e en varios programas da TVG, que lograron que se falara da faba de Lourenzá en calquera parte do mundo.
Pois a pesar de saír na prensa, na radio, nas redes sociais e na televisión, o Partido Popular de Lourenzá non se enterou. Nin unha soa referencia á festa no seu facebook propagandístico. En lugar de estar preocupados pola exquisita leguminosa de Lourenzá, a súa teima estaba nas silvas, nas herbas dos camiños e en remexer nos contedores de lixo do municipio.
Xa ven, cada un ten as súas prioridades…
Temos que recordarlle aos populares que para poder ter os camiños o ben que todos quixeramos fai falta contar con persoal suficiente para realizar os labores de limpeza e que para ter persoal hai que ter cartos. Se non fora pola pésima xestión dos gobernos municipais populares e a ruína orzamentaria que nos deixaron en herdanza, poderíamos contar con bastantes traballadores máis no concello. Entre a perda da subvención de Tovar e os gastos ocasionados polo edificio da Avenida de Mondoñedo, ¿para cantos soldos e empregos daría?
Aínda así, e grazas ao traballo do equipo de goberno, imos contar cun novo tractor para realizar os traballos de limpeza, así como a contratación de varios traballadores. Logramos arranxar varios camiños e xa está aprobado a mellora de varios máis, algún deles de moita importancia para as comunicacións do municipio.
O próximo ano volverá outra edición da Festa da Faba. Será na primeira fin de semana de outubro. Traballaremos para que saia aínda mellor e volveremos contar coa axuda de todos. Esperemos que os representantes populares estean tamén á altura e colaboren aínda que só sexa facendo algún comentario positivo nos seus medios propagandísticos.
Equipo de goberno do Concello de Lourenzá.