Lugo, 3 de outubro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou un total de 31.982 euros a mellorar o equipamento e dotacións culturais de seis concellos da Mariña. Así se desprende da resolución da convocatoria de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que se pode consultar no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161003/AnuncioG0164-220916-0003_gl.html.
As axudas, promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura, destínanse á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
Os concellos da comarca subvencionados son os de Ourol, Mondoñedo, Cervo, O Vicedo, O Valadouro e Trabada. Todos adquiren dotacións e equipamento para os centros culturais, en especial de iluminación, de son ou informático. Deste xeito, melloran as condicións técnicas dos locais e poden abrir as súas ofertas aos novos campos da cultura.
No conxunto da provincia foron 20 os municipios que recibiron subvención, por un importe global de máis de 98.000 euros.
Este programa de axudas da Consellería de Cultura e Educación introduce no baremo un criterio corrector a favor dos concellos menos poboados co obxecto de facilitar o reequilibrio territorial. Así, teñen maior puntuación os municipios de menos de 2.000 habitantes, que reciben un apoio especial para que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura independentemente da súa zona de residencia.