O Goberno garante ao Club Kayak de Foz os 100.000 euros da Deputación para financiar, practicamente na súa totalidade, a construción dun novo hangar de piraguas, que permita a esta entidade deportiva o pleno desenvolvemento das súas labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña. Así o salientou este sábado o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, precisamente, no acto de presentación deste proxecto, no que tamén participaron a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, o Presidente do club, Nacho Romillo, e do Presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfrea Bea García.
Rivera Capón manifestou un “si rotundo a este proxecto”, e destacou que “dende o Goberno da Deputación comprometémonos con facer realidade este proxecto, nunha clara aposta polo deporte como motor de dinamización social e económico da provincia. Por iso, levamos ao Pleno do pasado martes a proposta de aprobación dunha subvención de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz e un anticipo da mesma do 80%. O PP bloqueouna, votando en contra da concesión desta axuda. Con todo, garántovos que este financiamento vai a saír adiante si ou si”.
“Dende o departamento de Deportes iniciamos, xa o mércores, o proceso de revogación do acordo plenario que tumbou o PP. Isto permitiranos presentar unha vez máis ao Pleno a nosa proposta para este club. Damos unha segunda oportunidade ao Partido Popular, agardando que actúe con responsabilidade e faga primar o interese colectivo da provincia aos partidistas. Se o Partido Popular non rectifica, dende o Goberno estudaremos todas as vías legais e executarémolas para financiar o proxecto de ampliación destas instalacións, que non van a conseguir boicotear”.
Proxecto necesario
O Deputado destacou que “a necesidade de realizar estas obras vén dada polas graves deficiencias que presenta a instalación actual, na que se acusan os efectos do paso do tempo nun tipo de construción prefabricada e de uso eventual. A súa situación revela un deterioro moi importante dos elementos da estrutura da cuberta, con desgaste do piso e desencaixe do seu panelado, deterioro que non se podería solucionar con actuacións menores de reparación e mantemento”, engadiu.
Rivera Capón explicou así mesmo que “as actuais instalacións non permiten cubrir a demanda de espazo existente dado o elevado número de usuarios desta modalidade deportiva, impedindo deste xeito non só a extensión da práctica deportiva, senón tamén a mellora do rendemento competitivo do club”.
Cómpre destacar que o piragüismo é unha disciplina moi arraigada neste territorio da Mariña. Non en vano, o Club Kayak de Foz, nado no ano 1983, ten unha importante relevancia social, organizando, ademais, unha das probas máis antigas da comunidade autónoma como é a Travesía de Foz, que vai pola súa 54 edición e coa que tamén decidiu colaborar o Organismo Provincial con 7.000 euros.
Apoio ao piragüismo
A subvención para a construción dun novo hangar en Foz, enmarcada na aposta do Goberno da Deputación polo pulo ao piragüismo na provincia luguesa, sumase ás axudas de 200.000 euros que este ano se concederon aos 7 clubs desta práctica deportiva que hai na provincia, así como aos 85.000 euros que o Executivo Provincial comprometeu a estas entidades para ao 2017.
Este último orzamento é para que sexan os propios clubs os que directamente xestionen a escola de piragüismo de titularidade provincial, para contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como para a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



