O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu este mércores na Cidade da Cultura de Galicia o acto de comunicación e entrega dos premios de literatura dramática da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que este ano recaeron en Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño.
Román Rodríguez expresou que co recoñecemento que se lle fai ao traballo destes catro nomes, ponse en valor toda a historia da dramaturxia galega actual e contemporánea, xa que a produción dos autores distinguidos abrangue practicamente as cinco últimas décadas da literatura na nosa lingua. Destacou, nese sentido, a presenza dunha figura fundamental en todos os eidos do noso sistema teatral, como é o caso de Manuel Lourenzo, así como as posibilidades de futuro para a escrita dramática que se abren ao integrar neste palmarés a dramaturgos emerxentes e das últimas xeracións.
Suma de esforzos
O conselleiro de Cultura incidiu tamén na importancia do xénero dramático como un dos puntais da cultura galega, nas múltiples utilidades sociais que ofrece e na necesidade de prestarlle apoio para acadar un catálogo de títulos amplo e variado, integrado por pezas que poidan ser efectivamente levadas ás táboas ou mesmo ás pantallas.
Neste sentido, anunciou a nova liña de traballo conxunto que se vai abrir entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a recentemente constituída asociación DramaturGA, que se materializará coa celebración dunhas xornadas conxuntas a principios de decembro.
Lourenzo, coa obra ‘Suite Artabria’, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por ‘O valo’, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, e na infantil, en Inacio Vilariño por ‘Os golfiños e o xigante’, quen xa foi distinguido con este premio en dous ocasións anteriores.
Setenta e dous textos recibidos
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.
Variedade temática
‘Suite Artabria’ é un conxunto de tres pezas (‘Orzán’, ‘O fulgor das atochas’ e ‘Alerta na rúa do Pozo’) concibidas como un roteiro por algúns dos espazos máis representativos da Coruña. Trátase dun paseo pola intimidade escura e visceral dunha cidade amada polo autor, por tres barrios que desenvolven cadansúa historia criminal en ambientes marxinais e con personaxes absolutamente recoñecibles na realidade actual: perdedores, buscavidas, amargados, especuladores e corruptos enfróntanse a situacións límite.
Co conflito civil de Siria como pano de fondo, ‘O valo’ narra o encontro entre unha nena que foxe da guerra, Sahara, e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. O xurado destacou desta peza un minucioso coidado da lingua, o que lle outorga un carácter sobresaínte como peza teatral.
En ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, Vidal Ponte parte dunha anécdota histórica operística para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, coa finalidade de homenaxear os oficios técnicos do teatro, ao tempo que observa o rol do espectador de xeito provocador e irreverente. A peza contempla un dispositivo escénico móbil que marca o ritmo e a estrutura da obra, elaborando así un xogo que converte o teatro en obxecto e fai que a manipulación de monicreques sexa parte do seu carácter.
Pola súa banda, ‘Os golfiños e o xigante’ trata, por medio da viaxe da súa protagonista, un tema de actualidade e de interese para os máis novos: a reivindicación da vida dos animais en liberdade. A obra discorre a través de diálogos áxiles e dunha complexa proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas co audiovisual.






















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



