Cervo, 12 de novembro de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares minte á veciñanza cando nega as responsabilidades do seu goberno que agora teñen como consecuencia unha sentenza do TS que permitirá reclamar indemnizacións ao promotor das 100 vivendas para as que o seu goberno deu licenza, posteriormente paralizadas por Cultura. Os concellos non so teñen a obriga de velar polo patrimonio cultural, tamén poden tomar medidas cautelares paralizando accións daniñas contra el. No caso do PP de Cervo non só non o fixo, senón que concedeu tres licenzas para construír na Atalaia entre o 28 de novembro de 2006 e o 18 de abril de 2007 sabendo da existencia dun xacemento desde setembro de 2005 por un informe arqueolóxico que o propio concello encargou, tal como recolle a sentenza do TS. Ademais o goberno local tiña constancia, e a obriga de protexer a zona desde maio de 2004, cando o pleno aproba a exposición pública do Avance do PXOM que especifica a necesidade de protexer a zona.
A sentenza deixa aberta a posibilidade de que se presenten reclamacións indemnizadoras ao concello tamén
A sentenza do TS deixa clara no fundamento de dereito segundo que o concello tiña coñecemento da existencia dun xacemento arqueolóxico inventariado desde setembro de 2005, este feito motiva o dereito da promotora a repetir reclamación contra o propio concello se o feito de existir xacemento inventariado motivaba a inconveniencia de conceder as tres licenzas, “será decisión da promotora facelo ou non, pero a porta tena aberta e deriva do feito de concedelas irregularmente, afirmou o portavoz municipal nacionalista, Luís Bernardo Insua.
O portavoz nacionalista “pide ao PP que lea a sentenza e deixe de mentir á veciñanza, as responsabilidades tanto na desfeita de parte do Castro da Atalaia, e agora no pago de indemnizacións págueas a Xunta ou págueas o concello veñen derivadas da concesión dunhas licenzas que nunca se deberon dar”.
Bernardo Insua engadiu que o Partido Popular no goberno municipal, prevaricou outorgando estas tres licenzas de construción, a cronoloxía de feitos déixao claro:
En maio de 2004 o pleno da corporación aproba a exposición pública do AVANCE do PXOM que inclúe un informe da empresa Moenia Arqueoloxía sobre a Atalaia reservando unha zona de protección pola existencia de restos arqueolóxicos. O goberno municipal obviou este feito na concesión das licenzas dous e tres anos despois.
En setembro de 2005 con motivo de escavación para cimentación do chamado “Observatorio de Aves” na Atalaia, aparece o concheiro castrexo do que alertou o propio BNG chamando ao concelleiro responsábel e á delegación provincial de Cultura que ordena ao concello a paralización das obras e un informe arqueolóxico que encarga o propio concello deixando como consecuencia o seu inventariado por Patrimonio, tal como consta no fundamento de dereito segundo da sentenza do TS. O goberno municipal ademais de retrasar o envío a Patrimonio das conclusións das catas arqueolóxicas realizadas ate o 5 de marzo de 2007, obviou a aparición do xacemento e os informes arqueolóxicos encargados, e concedeu a primeira das tres licenzas un ano despois, o 28/11/2006.
O 4 de xuño de 2007 A Delegación Provincial de Cultura remite ao Concello de Cervo vía fax con rexistro de saída número 79137 e rexistro de entrada no concello 2463 unha orde de paralización das escavacións realizadas por Promociones San Ciprián, S.L. para cimentación da primeira das tres licenzas de construción concedidas. O concello desoe esta orde e non comunica ao promotor a orde de paralización das obras ate a tarde do 8 de xuño, despois de que a Delegación Provincial de Cultura remitira unha segunda orde, o 7 de xuño, e de que veciñanza e militantes do BNG cortaran o paso a camións que trasladaban a un entullo de Morás restos arqueolóxicos do Castro xa inventariado da Atalaia do que se destruíron 1.000 m2.
O que se salvou do Castro da Atalaia foi garzas á veciñanza, ao BNG local, e á actuación da Delegación de Cultura en Lugo
Aínda que durante os catro días que o concello permitiu actuar as máquinas da promotora destruíronse arredor de 1.000m2 de xacemento, boa parte do Castro segue intacto e pendente de recuperar. Para o BNG e para moita xente coñecedora do caso que o goberno local do PP estivo mais pendente de facilitar o interese privado dun construtor que de salvar o patrimonio cultural, do que se tivo que ocupar a veciñanza, o BNG local, e a Delegación da Xunta en Lugo.
O Partido Popular no canto tratar de enganar á poboación para salvar o seu penoso papel, que busque recuperar e poñer en valor o que hai como lle está pedindo a veciñanza
O que debe facer o alcalde, afirmou Luís Bernardo Insua, “é buscar os recursos para recuperar e poñer en valor o Castro da Atalaia, hai moito por facer nos terreos públicos, hai moito por facer nos que son privados e deberan pasar a ser públicos. Hai dúas edificacións na Atalaia, unha delas en estado ruinoso que debera ser derruída, por aí debe traballar Villares, tal como lle pide a veciñanza e tamén lle reclamamos desde o BNG”.