A Delegación Municipal de Cultura do Concello de Burela, AGADIC e a Rede de Teatros e Auditorios de Galicia, presentan a Cía. A PANADARÍA coa obra “Pan! Pan!” o vindeiro venres, 4 de novembro ás 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada será de 3 euros, anticipada, e de 5 euros na billeteira.
A Panadaría é unha compañía de teatro formada por Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman. O seu primeiro espectáculo PAN!PAN! recibiu diferentes recoñecementos, convertindo á compañía nunha das revelacións teatrais da temporada. Nos seus comezos gañou o 1º Premio Xuventude Crea 2013. No ano 2015 Ailén Kendelman foi nomeada aos Premios María Casares por Mellor Música Orixinal, e Areta Bolado recibiu o Premio María Casares por Mellor Actriz Secundaria polo seu traballo en Pan! Pan!.
Pan! Pan! conta a historia de Harry, un caowboy americano que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que roubou á súa muller, da que está profundamente namorado. A través da aventura deste antiheroe, redescubrimos ese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as fedorentas cantinas e os desertos cheos de perigos.Como nunha película do Far West, haberá whisky, balas e country. Amor e vinganza a partes iguais!
Partindo dun escenario baleiro, e como na nouvelle cuisine, desmontamos, cuestuonarios e reconstruimos os vellos westerns do lonxano oeste. Unha homenaxe de tres actrices, con moito humor e retranca, a esas películas cheas de homes salvaxes e sucios coas que nós, os nosos pais e avós medraron. Oito personaxes, cinco espazos e toda a bando sonora desta obra creada por só tres intérpretes. Todo en directo , sen artificios, sen trampa nin cartón!