Burela, 10 de novembro de 2016. A Concellería de Servizos Sociais informa que ata o día 23 do mes de novembro está aberto o prazo para solicitar a participación no programa Xuntos polo Nadal, organizado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
Patricia Otero lembra que “dito programa quere que as persoas maiores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia e que polo Nadal se atopen soas, pasen estas datas acompañadas, polo que consiste nunha estancia dende o 23 de decembro do 2016 ata o 2 de xaneiro do 2017. Ofértanse 120 prazas na Residencia de Tempo Libre de Panxón en Nigrán (Pontevedra), para a provincia de Lugo”.
A edil de Servizos Sociais engade que “este programa está dirixido ás persoas maiores de 60 anos, que estean empadroadas nalgún dos Concellos galegos, valerse por si mesmos, que non sufran ningunha enfermidade infecto-contaxiosa ou trastornos mentais ou conductuais, que teña un nivel de ingresos económicos baixos e que vaian a estar soas no Nadal. Os participantes cuns ingresos inferiores ao IPREM (532,51 euros) asistirán de forma gratuíta e os que superen dito importe contribuirán ao pagamento da estadía coa achega de 50 euros”.
Os interesados neste trámite deberán dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais deste Concello en horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres.