Nestes mesmos días, ao tempo que remata a posibilidade de visitar a Cova do Rei Cintolo por esta temporada, tamén se cumpren 60 anos da publicación da novela do ribadense Daniel Cortezón, titulada, precisamente, “As Covas do Rei Cintolo”.
A suspensión das visitas por parte do concello de Mondoñedo ten que ver co respecto ao período de hibernación e cría dos morcegos de diversas especies que viven na cova, mais, quen así o desexe, poderá reservar praza a partir da primavera para gozar de novo daquel soberbio espectáculo. Dos morcegos, despois dunha visita á cova que realizaron en decembro de 1903, Victoriano López, Francisco Díaz e Lence Santar, escribe este: “Huellas, tal vez, de la pezuña de un trasgo trepador sobre un pavimento de nieve, transformadas en quirópteros por arte diabólica”.
A novela de Cortezón editouna Galaxia a finais de 1956. Contén un extenso prólogo a modo de carta ao autor, con reflexións sobre o que debería e non debería ser a narrativa galega, asinado por Ramón Piñeiro, e varias ilustracións de autoría anónima, todas moi fermosas, especialmente a da portada.
Daniel Cortezón (Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009) forma parte dese grupo de autores galegos que aínda agardan un merecido e xusto recoñecemento da república das letras. Por ser fillo dun carabineiro fiel á República, a familia tivo que fuxir a Francia en 1937, para despois retornar á zona republicana. Ao acabar a guerra, o pai foi condenado e preso 5 anos. Fora acusado de rebelión militar, sendo fiel ao goberno lexítimo; a muller e o fillo regresaron a Ribadeo, onde Daniel comezou a traballar de mancebo nunha botica.
De formación lectora e autodidacta, devorou todos cantos libros posuía a biblioteca municipal de Ribadeo e comezou a escribir moi novo en revistas como Rumbo. En 1964 marchou traballar a León, e en 1966 a Madrid, cidade onde frecuentou os parladoiros do Café Gijón. É autor dunha extensa obra narrativa, ensaística e sobre todo, dramática. Foi dos que asentaron os alicerces da rexeneración do teatro en galego nos estertores do franquismo. A súa novela “A vila asulagada” mereceu a primeira edición do Premio Blanco Amor en 1981.
A novela “As Covas do Rei Cintolo” sucede na cova mindoniense e nun ficticio pazo de a carón. O protagonista, o Cabaleiro da Centilante Espada, procede de Ribadeo e ten a misión de retar ao Demo Maior para quitarlle un cacho de rabo que precisa a súa dona, Margarida, para desenmeigar a un seu curmán que tomou figura de papagaio.
Nesta obra, preñada de humor e ironía, Cortezón revive un quixote embebido das mesmas fantasías que os cabaleiros andantes. Os personaxes, doncelas, cabaleiros, amos e criados, forman parte dunha obra paródica, estruturada á maneira do Decamerón de Boccaccio.
Díxose que o ”Merlín e familia” de Cunqueiro, obra publicada o ano anterior, influíra na de Cortezón, mais este sempre o negou. Sexa como for, esta novela merece moito a pena pola calidade literaria e polo tema, e por facer da Cova de Supena de Argomoso un espazo literario aínda meirande.
Direi que o Demo Maior, sorprendentemente educado e pacífico, acaba entrando en tratos co Cabaleiro da Centilante Espada; outro asunto ben diferente será se cede ou non a que lle rabenen o rabo.
©Antonio Reigosa –cronista oficial de Mondoñedo

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



