Foz, 28 de decembro de 2016. Durante este ano 2016 o BNG de Foz presentou ducias de mocións, a maioría das cales foron aprobadas pola corporación municipal.
Entre as máis salientables están o adecentamento das beirarrúas de Vilaxoane, a revisión dos vados, a mellora das pistas afectadas pola industria da madeira, a execución do procedemento sancionador pola tenencia de animais, a regularización e delimitación da zona de caravanas, a realización do mercado semanal do 9 de agosto, o arreglo da Casa da Cultura e ampliación da Biblioteca Municipal, a información pública sobre o proxecto de humanización do centro e a valoración da compra do solar de Vialmar na rúa de Lugo. A pesar de estaren aprobadas en pleno, a maioría delas por unanimidade, grazas á desidia e desleixo do equipo de goberno aínda non se executaron, co conseguinte prexuízo para as arcas municipais e o benestar de toda a veciñanza.
Como recordan as concelleiras nacionalistas “debido a que o PP ostenta o goberno da vila en minoría, moitas veces o voto do BNG resulta decisivo. Así ocorreu no caso da xestión da nova residencia de anciáns, que saíu adiante grazas á defensa do BNG do benestar dos actuais usuarios e dos postos de traballo. Tamén os orzamentos, que recollían propostas do BNG por valor dun millón de euros, como a reforma do pavillón municipal de Marzán, o saneamento das parroquias ou a mellora económica da Escola de Música, recibiron o noso apoio para poder sacar adiante todas estas iniciativas”.
Lembran Rego e Seivane outros temas de calado que se trataron durante este ano 2016, como a aprobación do PXOM ou a resolución do contrato con Gestagua. “Nestes dous casos o noso voto foi en contra, no PXOM porque cremos que se pode facer un PXOM moito mellor e que o actual deixa a moitas familias desamparadas; no caso de Gestagua, porque a empresa non presentou a suficiente documentación para xustificar a suposta débeda de máis de un millón de euros que queren que asumamos.”
As nacionalistas tamén destacan outro tipo de iniciativas, como os rogos e preguntas. “No día a día conseguimos cousiñas máis pequenas, pero tamén importantes como a creación de novos pasos de peóns, o correcto mantemento das instalacións municipais como os locais sociais da Praza de Tregastel ou a creación do aparcadoiro para os traballadores do colexio Fondo-Nois”, lembran Rego e Seivane.
“Pero aínda hai moitas cousas pendentes: a apertura da nova residencia, que xa non pode agardar máis, a charla informativa sobre a humanización que tanto levan demandado os veciños e que se debería facer antes de empezaren as obras, o proxecto de saneamento das parroquias… Tantas cousas que se deberían executar e rematar antes de empezar novos proxectos. Non nos esquecemos de todas aquelas propostas que están aprobadas e seguirémoslle recordando ao alcalde que é a súa labor executalas”, insisten Rego e Seivane.
De cara ao próximo ano 2017 Rego e Seivane afirman que “teremos moitos asuntos de calado que resolver, como a xestión da auga, que esperamos que volva a estar en mans do concello, a aprobación do anteproxecto da nova depuradora ou a elaboración dos novos orzamentos”.