Ribadeo, 9 de decembro de 2016. A última hora deste venres o Concello procederá ao acendido do alumeado de Nadal. O orzamento este ano ascende a 11.500 euros e presentará novidades segundo anuncia o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor ribadense dixo que “coa posta do sol deste marabilloso día acenderemos o alumeado navideño. Despois dun certo tempo de tramitación, dado que quixemos facelo en tramitación aberta ao público, que quedou deserto, ninguén quixo presentar propostas, tivemos despois que buscar algunha empresa que quixera facelo nas condicións que tíñamos establecidas”.
Suárez Barcia subliñou que “hai que ter en conta que é unha cantidade incluso un pouco máis elevada que o ano anterior, son 11.500 euros o que custa este alumeado. E intentamos enriquecer un pouco máis a iluminación das rúas, polo que entendemos que o alumeado de Nadal deste ano vai ser atractivo e importante”.
O alcalde ribadense indicou que “temos algunhas novidades con respecto aos anos anteriores, e confiemos en que con este Mercado do Nadal no que estamos estes días, e con toda esta iluminación sigamos sendo un referente e atractivo para o comercio, para que as rúas estean engalanadas e animadas, e que a xente siga vindo a Ribadeo a facer a súa vida e a mercar”.
Finalmente Fernando Suárez di que “temos máis novidades para estes días, para a semana que ven probablemente, que iremos anunciando entre todos”.