Foz, 26 de decembro de 2016. A secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, e o xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero, acompañados polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira, visitaron este luns as obras de mellora realizadas na pista de pádel do Club de Tenis de Foz, situadas nas instalacións deportivas municipais de Marzán. O investimento ascendeu a 10.000 euros, dos que a Xunta aportou 4.000 euros, outros 4.000 o Concello e o resto o club de tenis.
O alcalde focense explicou que “no día de hoxe tivemos a visita da secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e do xefe de Deportes na provincia de Lugo, que viñeron revisar e ver os traballos do cambio integral da pista de pádel que temos nas instalacións municipais en Marzán, onde están as pistas do Club de Tenis de Foz”.
Javier Castiñeira lembrou que “era unha das infraestruturas que máis nos demandaban os deportistas dedicados á raqueta, posto que as condicións das tres pistas municipais de tenis que hai son moi boas e quedaba a pista de pádel, que estaba antiga e bastante mal”.
O rexedor municipal subliñou que “esta actuación foi grazas a un convenio de colaboración, que eu creo que é como se deben facer as cousas, entre a Xunta de Galicia, o Concello e tamén o esforzo dos membros do Club de Tenis de Foz, aos que lles hai que agradecer non só ese esforzo polo coidado das pistas senón tamén por certos investimentos que están facendo e que redundan ao final na mellora das infraestruturas municipais. Fan uso destas pistas non soamente os membros do club senón todos os focenses ou aquelas outras persoas que queren”.
O alcalde de Foz salientou que “foi un investimento de máis de 10.000 euros, dos que a Xunta puxo 4.000 euros, o Concello outros 4.000 e o club o resto”.
Castiñeira mostrouse “contento porque son pistas que se usan diariamente. Tamén as usan as escolas deportivas municipais na formación a rapaces en pádel. Iso súmase ás instalacións privadas que fan posible que un deporte que a día de hoxe é moi practicado como o pádel poida xogarse no noso concello en mellores condicións que hai uns anos”.