A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vilagarcía de Arousa o valor dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) para reforzar o papel das mulleres no mar e darlle máis visibilidade. Neste sentido sinalou que as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo aprobadas pola Consellería do Mar “pretenden contribuír á promoción da igualdade entre homes e mulleres”.
Foi no marco do acto de constitución da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, onde a titular de Mar lembrou o apoio da Xunta aos GALP para o período de programación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020. Un período que conta cun investimento de preto de 60 millóns de euros para a súa execución, explicou a titular de Mar.
Ademais lembrou que en febreiro os GALP asinaron os convenios de colaboración para a execución das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo no período 2014-2020. Ao abeiro destas estratexias, os GALP desenvolven diferentes proxectos que inclúen actuacións destinadas a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas. Ademais tamén fomentan o emprego feminino e contribúen a diversificar as actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima. Así, na convocatoria de axudas deste ano, lembrou Rosa Quintana, aprobáronse un total de 99 proxectos por un importe de preto de 6 millóns de euros.
Por outra banda, Rosa Quintana felicitou á Asociación de Mulleres do Mar de Arousa polo seu traballo, “que levou a unir cun mesmo fin a mariscadoras, pescantinas, armadoras, bateeiras, redeiras, percebeiras ou empresarias do sector” e brindoulle o apoio da Xunta ao seu labor.
Mulleres do Mar de Arousa
A Asociación de Mulleres do Mar de Arousa nace dun proxecto do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa (GALP 5). Este proxecto de creación da asociación iniciouse no mes de xullo deste ano e o seu obxectivo é promover a igualdade de oportunidades e reforzar o empoderamento de mulleres no mar, destacando o seu importante peso na economía pesqueira e na contorna social.