Unha colisión entre un camión e un todoterreo na A-8, a escasos metros da saída de Riotorto en sentido Begonte, sáldase cunha vítima mortal. Os Bombeiros tiveron que excarcerar o cadáver do interior do vehículo.
Unha persoa particular alertaba da situación ao 112 Galicia minutos antes das 21:00 horas de onte. Outra persoa que tamén contactou coa central de emerxencias explicou que o todoterreo quedou completamente esmagado e que estaba ardendo.
Dende o Centro de Atención ás Emerxencias informouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vilalba, que mobilizaron ata o punto senllos equipos. A situación tamén foi posta en coñecemento da Garda Civil.
O sinistro obrigou a cortar a circulación da autovía en sentido Begonte durante varias horas.