Lugo, 4 de xaneiro de 2017.- A comarca da Mariña lucense é a gran beneficiada na provincia de Lugo pola liña de axudas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias, xa que logo aglutina preto do sesenta por cento das axudas concedidas por este concepto e que suporán un investimento do Goberno galego, no conxunto da provincia, de 180.000 euros.
Así o deu a coñecer hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen tamén explicou que serán doce os proxectos que reciban o apoio da Consellería do Medio Rural: sete deles radicados no concello de Lourenzá, un en Ribadeo, outro máis en Abadín, e tamén recibirán cadansúa axuda profesionais da agricultura e gandeiros residentes nos concellos de Castro de Rei, Negueira de Muñiz e As Nogais.
15.000 euros por solicitante
En total a Xunta apoia con 15.000 euros a cada un dos 12 proxectos beneficiarios que contarán con esta achega autonómica para desenvolver diversas iniciativas encamiñadas a garantir a viabilidade e a mellora do rendemento global da explotación. Os apoios permitirán tamén impulsar accións de reestruturación e modernización das explotacións así como facilitar a entrada no sector agrario de agricultores axeitadamente formados.
Os beneficiarios son titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro oficial autonómico que dispoñen da capacitación profesional suficiente, residen na mesma comarca na que radica a súa explotación ou nunha limítrofe e non teñen acadado a idade de xubilación.
O Goberno galego vén de destinar entorno a 3,5 millóns de euros nas tres últimas anualidades a esta liña de axudas, que tamén se desenvolverá durante o ano 2017 e que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.