Burela, 9 de xaneiro de 2017. O Concello ven de instalar novos colectores de recollida de cartón en distintos puntos da vila. Son un total de seis que veñen substituír a algúns que estaban deteriorados e outros colocáronse nalgunhas zonas nas que había máis de necesidades deste material.
A concelleira de Medio Ambiente, Noelia María Ben, explicou que “vimos de instalar seis contedores para o cartón en Burela. Algúns substituíron aos que estaban máis deteriorados e outros situáronse en zonas nas que había unha importante necesidade de contar con estes colectores”.
A edil socialista contou que “o Concello comprou estes colectores á empresa que subministrou en datas recentes os da Mancomunidade de Municipios da Mariña, porque nos resultaron máis económicos”.
Noelia María Ben fai un chamamento á cidadanía para que “faga uso deles e non deixe os cartóns tirados polo chan ou a carón dos colectores. Iso da moi mala imaxe do pobo ademais da falla de hixiene que supón”.
E subliña que “xa avisamos moitas veces de que íamos aplicar a ordenanza, de xeito que si se seguen repetindo estas actitudes farémola cumprir de inmediato”.