Lugo, 28 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno da Deputación, que se celebrará o vindeiro martes, que a institución lucense poña en marcha un plan provincial de fomento da natalidade, que dea incentivos para reverter o elevado índice de envellecemento e o saldo vexetativo negativo que reflicte a provincia de Lugo.
A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera “fundamental” que a institución provincial contribúa ao fomento da natalidade e poña en marcha medidas que actúen como “plan de choque” ante o declive no número de nacementos que afecta á meirande parte dos concellos da provincia.
“Ante unha sociedade cada vez máis envellecida é necesario que a Deputación, ao igual que veñen facendo outras institucións, leve a cabo iniciativas que sirvan de base para que Lugo sexa unha das provinciais onde maiores facilidades teñan as familias para ser pais e nais”, precisa a popular.
Axudas ás familias e colaboración cos concellos
O plan provincial de fomento da natalidade, cuxa creación solicitan os populares, debe incluír á proposta do Grupo do Partido Popular, entre outras, dúas liñas de actuación, unha de axudas directas ás familias e outra de colaboración cos concellos.
En concreto, por unha banda, os populares suxiren que este plan abarca a concesión de subvencións por parte da Deputación ás familias empadroadas na provincia que teñan fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, favorecendo, segundo explica Candia, “tanto o benestar das familias como dos propios menores”. Estas axudas, matizan dende o GPP na súa moción, deben ser compatibles con calquera outra axuda percibida das distintas administracións.
Por outra banda, o Grupo Popular tamén defende a inclusión dentro do plan dunha colaboración económica con todos os concellos da provincia cuxa poboación sexa inferior aos 20.000 habitantes e que desenvolvan iniciativas dirixidas a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, sendo compatible a achega da institución provincial con calquera outra axuda concedida polas diferentes administracións públicas.
Para o desenvolvemento deste plan, os populares propoñen a creación dunha comisión que se encargue do estudo das bases que rexerán este proxecto. Ademais, dende o Grupo Popular consideran que debe ser o Goberno da Deputación, previa reunión desta comisión, o que consigne no orzamento para este ano 2017 o importe necesario que permita o desenvolvemento das actuacións dirixidas a fomentar a natalidade na provincia.
Acusado problema de desequilibrio demográfico
Elena Candia argumenta que “estamos presenciando un grave problema de desequilibrio demográfico para o cal convén aglutinar esforzos das diferentes administracións para acadar un compromiso conxunto de poñer freo a esta realidade social, derivada dos diferentes cambios sociais e económicos vividos”.
Lugo, no ano 2016, situouse na terceira posición das provincias do territorio español cun elevadísimo índice de envellecemento, ademais de atoparse entre as que contan cunha baixa taxa de natalidade, tanto é así, que no primeiro semestre do 2016, converteuse na décima con menos número de nacementos por provincia de residencia da nai. Ademais, dende comezos da década dos oitenta está a sufrir unha realidade estrutural na que se reflexa un saldo vexetativo negativo, situación á que cómpre pórlle freo, segundo remarcan os populares.