Burela, 1 de febreiro de 2017. No pleno ordinario que se celebrará mañá no Concello burelés resolverase a adxudicación do servizo de recollida do lixo á empresa Geseco SL, que comezará a traballar na localidade a mediados do vindeiro mes de marzo. O contrato será dun ano, con posibilidade de prórroga doutro ano máis. O Concello vaille reclamar á anterior adxudicataria do servizo, Celta Prix, preto dun millón de euros por incumprimento de contrato ao longo dos últimos anos, segundo explicou o alcalde, Alfredo Llano. Varios convenios e a cesión dun local á federación de fútbol son outros dos asuntos que se debaterán na sesión plenaria de mañá, que dará comezo ás 20:00 horas.
O rexedor contou que “mañá imos ter pleno ordinario, dado que xa lle correspondía o día 26 de xaneiro, pero determinado por unha serie de circunstancias que nos impedían celebrar ese día pasámolo para mañá, día 2”.
Alfredo Llano salientou que “este pleno ten unha serie de puntos que son importantes para o noso Concello, pero hai algún que xa ven sendo habitual como é a aceptación expresa de compartir o servizo de atención temperá. Neste caso vaille tocar a Cervo e a Xove a aceptación. Cremos que é moi interesante para a comarca e así o fixemos saber tamén desde a propia Mancomunidade de Municipios da Mariña”.
O alcalde comentou que “na orde do día hai dúas adhesións a convenios que todos eles foron tratados coa FEGAMP e coa FEMP, sobre temas relativos a cuestións tributarias. Vai haber un convenio ao que imos solicitar adherirnos co propósito de mellorar o servizo no Concello, pero tamén de favorecer a aquelas persoas que poidan necesitar de uso do Concello para estes temas. Son para tratar de poder solicitar información ou certificacións nas axencias tributarias e que estas tamén as poidan pedir ao Concello. Outra é relativa ás políticas sociais de maneira que poidamos consultar ou verificar algún dato que sexa importante cando alguén solicita un servizo no noso concello, e que proceda doutras institucións ou concellos, para axilizar os trámites e poder favorecer que non requiran tanto proceso. Pensamos que son dous convenios interesantes para os servizo que se presta desde o noso Concello aos cidadáns”.
Alfredo Llano relatou que “outro tema é o uso gratuíto que lle imos deixar á Federación Galega de Fútbol dun local que tiñamos sen uso na rúa do Río, onde van poder facer aquí en Burela o seu traballo. Vai ser por catro anos, prorrogable dous máis, e o que nos interesa é ter este servizo en Burela porque é importante para o mundo do deporte. Tamén nese convenio se indica que contamos con esta Federación para realizar eventos ou cursiños”.
O alcalde de Burela subliñou que “ao pleno de mañá vai a proposta da liquidación da empresa que tiñamos ata o de agora na limpeza viaria, que era Celta Prix. Esta proposta de liquidación é facer un balance final onde se observa o nivel de débeda que pode existir entre as dúas partes. Hai o que o Concello ten que aportar á empresa e o que a empresa ten que aportar ao Concello, derivado das responsabilidades que se adquiriron no momento do contrato. Nosoutros xa o temos falado moitas veces durante estes últimos tempos, que lle imos solicitar á empresa unha indemnización de preto de 1 millón de euros pola non realización dunha nave que estaba acordado facerse para mantemento, gardar material e outras cousas importantes para o servizo e que nunca se fixo”.
Llano considera que “o Concello de Burela durante estes quince anos non recibiu todo aquilo que se acordara no seu momento, e polo tanto nesta liquidación faremos a solicitude dunha serie de cartos que pensamos é de xustiza e deben aportar ao Concello”. E engadiu que “imos formalizar mañá a adxudicación do contrato do servizo de limpeza dunha empresa nova que vai prestar os seus servizos a partir do mes de marzo. Esta empresa vai levar a contratación por un ano, prorrogable por outro, de tal xeito que poden ser dous anos traballando en principio para o Concello”.
Para Llano “foi unha boa elección. É unha empresa que aporta unha serie de melloras moi importantes para o noso concello. Cremos que se vai notar moito a nova incorporación desta nova empresa no servizo de limpeza porque queremos unha Burela limpa e aseada, e cun tratamento de residuos acorde coas necesidades que temos agora atendendo á problemática do medio ambiente”.