Ribadeo, 24 de febreiro de 2017. Hoxe os/as alumnos/as de 3º e 4º da ESO do colexio Sagrado Corazón asistiron a unha charla enmarcada no programa Ktorce-18, que levan adiante a asociación Arela e a Fundación Barrié. A actividade foi organizada polo Concello ribadense.
Segundo explicaron desde a OMIX “a cita ten un claro obxectivo preventivo das condutas infractoras máis salientables nos/nas adolescentes, facendo especial fincapé no acoso escolar, as redes sociais, o maltrato familiar, o consentimento nas relacións…. explicando as consecuencias legais e as responsabilidades dos/das menores nas mesmas”. E engaden que “este programa quere achegar a lei do menor, reguladora da responsabilidade penal das persoas menores de idade, co fin de informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos”.
A charla foi impartida por Ana Pérez, coordinadora da área de conflito social da asociación Arela. Esta actividade xa se realizou tamén no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros.