Valadouro, 10 de febreiro de 2017.- O presidente do Partido Popular do Valadouro, José Manuel Lamela, continúa considerando que o proxecto promovido por un grupo de empresarios no lugar coñecido como O Porto da Vaca segue a ser o mellor emprazamento para o futuro polígono industrial neste municipio.
Desde o PP sinalan que este espazo ten acceso directo a unha das arterias de comunicación principal da zona, a estrada que vai de Cangas e a Burela e permitirá dar maior visibilidade ás empresas que aposten por situarse alí e xerar novas oportunidade de emprego e actividade económica. O emprazamento escollido polo alcalde, por detrás do campo de fútbol e que dá a unha pista forestal está moito máis escondido e con peor accesibilidade. Ademais, como os terreos xa están adquiridos, no caso de O Porto da Vaca, o Concello aforraríase a necesidade de facer un gran desembolso.
Por outra banda Lamela felicitouse porque a intermediación da Xunta permita desbloquear a posibilidade de crear solo industrial no municipio e, sobre todo, que despois de tres anos sen que o Concello fixera nada por impulsar o polígono, feito que se puido evidenciar na reunión de onte, agora pretenden copiar o mesmo proxecto que os empresarios queren facer nos terreos adquiridos no Porto de Vaca.
Ademais a xuntanza, serviu para desemascarar as mentiras do alcalde, xa que a modificación urbanística para permitir un uso industrial nos terreos do Porto da Vaca e nos outros emprazamentos previstos é perfectamente legal e incluso trátase dun trámite que debe desenvolverse de xeito imprescindible para cambiar a cualificación urbanística do solo, de rústico a urbano, sexa cal sexa o emprazamento escollido
E por outro lado os populares lembraron ao Alcalde que ten un acordo plenario de obrigado de cumprimento para facer a modificación puntual das normas subsidiarias neste lugar coñecido como O Porto da Vaca, que a Xunta onte confirmou que era perfectamente legal emprazalo alí.