Ribadeo, 8 de marzo de 2017. A CIG-Ensino da Mariña fai un chamamento ao profesorado desta comarca a secundar a folga que desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocamos en todo o ensino de Galiza para mañá, día 9 de marzo.
Na Mariña estase facendo ben evidente todo o negativo desta lei, que vén acompañada de múltiples recortes: menos profesorado, menos posibilidades de atender o alumnado con necesidades educativas especiais, menos posibilidades de atención individualizada, alumnado de 2º de bacharelato que nestes momentos aínda non sabe oficialmente como van ser as probas de acceso á Universidade, máis confesionalidade nos centros, programas inabarcabeis, discriminación do galego.
Entre todas e todos, despois de múltiples mobilizacións, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas. Agora temos que derrogar a LOMCE e con ela a desaparición definitiva da reválidas, temos que recuperar todos os dereitos laborais e salariais que nos foron arrebatados, paralizar todos os recortes que están desmantelando o ensino público e conseguir unha lei galega de educación que defenda inequivocamente un ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto. Unha lei galega que dedique o 7% do PIB á educación, elimine inmediatamente as subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de xénero e posteriormente aos resto dos concertos educativos, reduza as ratios, derrogue o Decreto de plurilingüismo, valore o traballo docente,consiga unha oferta ampla de emprego, máis profesorado nos centros…
A CIG-Ensino da Mariña pide tamén a participación nas mobilizacións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, o 9 de marzo, ás 11.30 horas, na Praza da Horta do Seminario en Lugo.