Lugo, 8 de marzo de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, adiantou que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, solicitará unha xuntanza bilateral co seu departamento homólogo de Asturias, co obxecto de estudar fórmulas que axilicen o pago das axudas da PAC cando afecta a zonas limítrofes con esta comunidade autónoma.
Nestes espazos lindeiros, nos que un mesmo gandeiro pode ser titular de varias fincas situadas en distintas comunidades autónomas, o procedemento para tramitar as axudas da PAC é máis complexo, como consecuencia da necesidade de intercambiar información entre distintas administracións autonómicas para comprobar, nos pagos por xestión de superficies, que non haxa duplicidades na declaración de parcelas (unha mesma parcela declarada por mais dun solicitante).
A Xunta impulsa o diálogo entre ambas administracións para lograr que o procedemento sexa máis eficiente nos próximos pagos. Precisamente esta foi unha das cuestións que lle trasladaron os gandeiros ao delegado territorial co gallo da última xuntanza organizada por Medio Rural na Fonsagrada, na que se estudaron as novidades nas axudas da Política Agraria Común.