Lugo, 1 de marzo de 2017.- A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza relativa ás cláusulas chan e o procedemento extraxudicial activado polo Goberno central recala este venres, día 3 de marzo en Viveiro.
O salón de actos da Xefatura Territorial de Mar en Celeiro -situada na Avenida Gerardo Harguindey Banet, 2) acollerá este encontro, que contará coa participación do delegado territorial, José Manuel Balseiro, e técnicos do Servizo de Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que explicarán os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras. A xuntanza comezará ás 20,00 horas.
O obxectivo desta iniciativa é prestar información e asesoramento ás persoas que se viron afectadas por estas cláusulas. José Manuel Balseiro convida a todos os veciños e veciñas da comarca a achegarse e resolver as dúbidas que poidan ter.
A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan abusivas.
Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén están publicadas na web de Consumo as instrucións sobre como proceder para reclamar ante as entidades financeiras. Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia