Viveiro, 17 de marzo de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou hoxe que a Xunta impulsa o asociacionismo para potenciar o comercio de proximidade co fin de que este “siga sendo motor económico e social das nosas vilas e cidades”.
O delegado afirmou que o comercio local ten un evidente peso económico, sendo un dos principais xeradores de emprego, e tamén é centro neurálxico da vida social, e apelou como proba á fortaleza e dinamismo que exhiben colectivos como A Mariña Federación e Acisa Ribadeo.
Balseiro participa hoxe en sendos actos organizados por estes colectivos. A Mariña Federación celebrou en Viveiro unha xuntanza en torno ao lema “Catro anos de andadura, e todo un futuro por diante”; pola súa banda, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo celebrou a sexta edición da súa cea de gala e entregou premios a dous dos seus asociados.
A Xunta -explicou Balseiro- fomenta o asociacionismo “co establecemento de axudas directas aos centros comerciais abertos e prazas de abastos, así como ás federacións e asociacións de ámbito supramunicipal, para que desenvolvan accións de dinamización e fidelización de clientes”, así como coa organización de diversas campañas para incentivar a demanda no comercio local a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O delegado lembrou que actualmente a Xunta ten aberto o prazo para que as asociacións de comerciantes e praceiros, e tamén as de ámbito superior ao municipal ou federacións, soliciten axudas para desenvolver accións de promoción.
“A unión é clave para competir con outras fórmulas comerciais”, sinalou o delegado, e na mesma liña engadiu que Acisa Ribadeo e A Mariña Federación son “puntais fundamentais para revitalizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade nesta comarca”.
O delegado territorial fixo referencia tamén ao Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia que ten en marcha a Consellería de Economía e ao que que destinará 70 millóns de euros ata 2020.
Este plan inclúe 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: Afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico, e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. “A calidade, do produto e do servizo, é o elemento diferenciador do comercio de proximidade”, concluíu Balseiro.