Theresa May asinou na noite do pasado martes a carta que comunicaba a intención final e firme do Reino Unido de abandonar a Unión Europea. O embaixador británico Thim Barrow entregouna este mércores ao Presidente do Consello Europeo, Donald Tusk. Desde ese mesmo intre comezaron a correr ríos de tinta. Do que puido ser e non foi, ou crónica dunha morte anunciada.
Comeza agora un período de negociación que no prazo de dous anos debe culminar no divorcio, segundo establece o artigo 50 do Tratado de Lisboa, fixando con carácter previo a liquidación dunha relación de máis de 40 anos de convivencia e o réxime de relación futura entre a quinta economía mundial e a UE.
Sendo a primeira vez na historia na historia dese espazo común que alguén decide baixarse do barco, as derivas a seguir por uns e por outros son aínda territorios descoñecidos, lugares estraños por explorar absolutamente impredecibles que reavivan vellos medos, antigas pantasmas. Lonxe queda xa aquel proxecto xerminal de Jean Monnet, “pai de Europa” de constituír un marco de cooperación comercial a través da CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro).
¿E agora, que vai ser de nós? Lonxe do sentimento de parálise que nos embarga resulta estritamente necesario atopar un camiño, repensar Europa. Igual ese espazo que naceu da premisa liberal da libre circulación de mercadorías e que logo transitou á de persoas e capitais debe de recuperar tamén o espírito do libre consentimento e da soberanía dos pobos.
O euroescepticismo é tan só unha idea que haberá que debater polos cauces democráticos, a xenofobia é unha enfermidade que se propaga rapidamente e que temos que erradicar. Son tempos para o entendemento e non para o vello discurso do inimigo alleo.
Si o libre consentimento debe ser a base sobre a que pivote o marco supranacional europeo dita premisa resulta igual de válida para calquera fórmula de convivencia: dende a estrutura de estado onde deberíamos poder elixir e mudar todo, o marco lexislativo no que a Constitución debera ser un auténtico contrato social froito da vontade soberana, ata a organización administrativa e territorial. No caso contrario calquera institución sería coercitiva e represora.
Trasladando o conflito europeo aos problemas de “andar pola casa” ven traída a colación a revisión catastral da calificación de moitos bens inmobles rústicos: ilustra o acontecido na parroquia de Castelo-Trasbar, no termo municipal de Cervo, onde ata hai dous anos non dispoñan de subministro de auga público.
Agora unha vez dotados de ditas infraestruturas están a revisar a súa valoración catastral, cambiando a calificación a inmobles urbanos e abocando aos veciños ao inevitable pago do IBI.
Europa estase a descompor, o modelo de estado estase a romper e, á súa vez, as administracións máis próximas ao cidadán son as máis alleas. Será este o momento de ver se é necesario recompoñer a casa sobre os alicerces que puxeron base á convivencia ou se, pola contra, é mellor derrubar todo, certificar a defunción. Renovar ou morrer.