Burela, 9 de marzo de 2017. O Concello aforrou 58.000 euros en gasto de luz nun ano, grazas ás medidas postas en marcha polo equipo de goberno. Nos vindeiros meses o concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey, agarda aforrar outros 25.000 euros. Estes cartos destinaranse “a cousas máis rendibles para os veciños e para as veciñas de Burela”.
No día de hoxe a Concellería de Obras e Servizos ven de facer público o resultado dun estudo de aforro enerxético que a compañía Vas de Moitas, S.L. fixo para o Concello de Burela. O edil socialista sinala que “os datos que arroxa este estudo indican que grazas ás medidas de aforro enerxético promovidas dende o equipo de goberno tivemos un aforro na tarifa eléctrica de 58.005,29 euros no último ano. A comparativa de consumos abarca de febreiro de 2015 a febreiro de 2016 no que tivemos un gasto en enerxía eléctrica de 273.001,53 euros, e de febreiro de 2016 a febreiro de 2017 no que o consumo foi de 214.996,24 euros. Así se constatou que durante o último ano o aforro en enerxía eléctrica que conseguimos foi de 58.005,29 euros”.
Fernández Rey explica que “este aforro débese a diferentes ámbitos de actuación nos que seguimos a traballar. O primeiro e máis importante foi que nos acollemos a mellores contratos de subministro eléctrico dos que había cando este equipo de goberno comezou a lexislatura. Outro ámbito no que se está a traballar intensamente é no cambio en todas as instalacións nas que nos é posible recorrer á tecnoloxía led. E por último, e non menos importante, en intentar evitar os despilfarros que se viñan producindo en diferentes instalacións, que tamén supoñían unha importante cantidade de cartos”.
Segundo indicou o concelleiro de Obras e Servizos “isto que estamos a conseguir é froito de moito traballo, e debemos ter en conta que conseguimos os aforros a pesar de que estamos tendo máis consumo eléctrico, xa que como calquera veciño pode ver dende o primeiro día que chegamos ao goberno acendemos a iluminación no paseo marítimo, que estaba apagado, acendeuse toda a de Arcadio Pardiñas, que cando chegamos estaba a medio funcionar, mellorouse a iluminación tanto no campo de herba artificial como nas pistas de tenis. E o máis importante foi que se aumentou de maneira moi considerable o consumo na Casa da Cultura, que como calquera pode ver ten actividade practicamente todos os días, sendo unha instalación que ten moito consumo eléctrico, xa que as actuacións que se están traendo dende a Concellería de Cultura así o requiren. Hai que lembrar que antes de entrar este equipo de goberno non se usaba tan a miúdo esta instalación. Quere dicir todo isto que se están a conseguir os aforros mellorando os servizos dos veciños de Burela, que é o noso principal obxectivo”.
Ramiro Fernández anuncia que “imos seguir a traballar na mesma liña, agora contamos co asesoramento da empresa Vas de Moitas, S.L. e a previsión é que podamos seguir aforrando en gasto de luz e esperamos poder conseguir para este ano outro aforro que pode roldar os 25.000 euros, que sumado ao xa conseguido vai facer que eses cartos que se estaban a pagar de máis polo subministro eléctrico se podan usar en outras cousas máis rendibles para os veciños e veciñas de Burela”. E engadiu que “tamén acometeremos actuacións nesta materia tanto nos exteriores da Praza de Abastos como nalgunha rúa que conta con luminarias antigas e que serán cambiadas por outras con tecnoloxía led, grazas a unha subvención da Deputación de Lugo que roldará os 16.000 euros e outra na Casa da Cultura na que tamén se instalará iluminación led, que vai a facer que optimicemos consumo de electricidade”.
O concelleiro de Obras e Servizos manifestou que “a intención que se está a barallar por parte do equipo de goberno e dos técnicos municipais é a de sacar a concurso público a subministración eléctrica do Concello de Burela, xa que entende que sería outra medida que podería traer aforro nese concepto e xa están a estudar como se poderían elaborar os pregos de condicións para esta contratación”.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



